Capetón é noticia estes días non só pola chegada da primeira etapa da Volta ao Mundo de Vela. O colectivo ecoloxista Greeenpeace escolleu esta cidade para presentar un proxecto que quixeron facer coincidir tamén coa lembranza do afundimento do Prestige e que pretende denunciar a crise ambiental que sofren os ecosistemas mariños e amosar a importancia que teñen para a humanidade é obxetivo. Os buques MY Esperanza e MY Artic Sunrise saen da cidade sudafricana cunha primeira meta na denuncian da caza de baleas no santuario baleeiro antártico.
"Hai que facerlle fronte a unha situación que é cada día máis grave", dixo na presentación Juan López Uralde, director executivo de Greenpeace España, "os nosos mares acadaron cifras antes descoñecidas de especies de peixes, aves e mamíferos que se dirixen cara a extinción", comentou ao tempo que en referencia ao afundimento do Prestige lembrou que "nestas datas conmemoramos unha das datas máis funestas para o medio ambiente mariño". Por ese motivo defendeu unha resposta de Greenpeace que quere ser "a expedición en barco máis ambiciosa da nosa historia, para sinalar os culpábeis e esixir a creación dunha rede de reservas mariñas en todo o mundo que nos permita recuperar a saúde dos nosos océanos".
"A metade do osíxeno que respiramos vén dos océanos, e a cambio estámolos afogando, contaminando con petróleo e outros produtos químicos, provocando o quecemento global e esgotando os seus recursos pesqueiros", denuncian. Ao tempo advirten que as tres cuartas partes dos caladoiros do planeta están explotados, sobreexplotados ou xa esgotados, que nalgunhas pesqueirías de arrastre ata o 90% das capturas devólvense mortas ao mar polo seu escaso valor comercial ou que a cantidade de grandes peixes é hoxe só dun 10% sobre os niveis de tempos anteriores á industrialización da pesca.
"Os gobernos deben cumprir cos seus compromisos internacionais establecendo unha rede efectiva de reservas mariñas que poida axudar á recuperación dos ecosistemas danados polo ser humano", pediu Sebastián Losada, responsábel de campañas oceánicas de Greenpeace.