Vieiros abre hoxe o Canal Seleccións coa idea de promover o debate encol da recén creada selección galega de fútbol profesional, que xogará contra Uruguai, o 29 de decembro, o seu primeiro partido de fútbol tras a ditadura. En Vieiros cremos que o deporte tamén contribúe a facer país. E que a importancia de termos seleccións de noso radica no feito de non podermos desfrutar delas até agora. Non era sen tempo. En palabras de Fernando Vázquez, "hai algo por construír en Galiza". E iso tamén abrangue o fútbol e a outros deportes.
A historia da selección galega de fútbol profesional, a súa simboloxía, as posibilidades das outras seleccións galegas para se constituíren como tal, novas, entrevistas, destaques históricos... Son só algúns dos contidos do Canal Seleccións.
Contidos sempre interactivos: poderedes deixar os vosos comentarios ao pé dos textos, escoller o voso once inicial de entre unha completísima lista de xogadores galegos de Primeira, Segunda, 2ªB e Terceira -que nos poderedes axudar a ampliar-, darlle ánimos aos seleccionados, debater libremente no Foro Seleccións e descargar cancións do famoso disco que sacou a revista Bravú en 1997, co retrouso Selección Galega Xa!
O último partido da selección galega desputouse en 1936. Non era oficial. Xogárono soldados galegos que loitaban pola República no V Rexemento de Líster. Algúns deles participaran, como selección galega, nas Olimpíadas populares de Barcelona.
Agora a circunstancia é distinta. O fútbol galego ten a súa selección, e non por iso transgrede ningunha norma. En palabras do director xeral de Deportes, Santiago Domínguez Olveira, a da selección galega "non era unha cuestión política".
Trátase unicamente de cubrir unha necesidade do fútbol galego que xa estaba cuberta en todas as autonomías agás Murcia. Non era sen tempo.