Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA SEDE DA UNESCO EN PARÍS

Ánxela Bugallo subliña que malia todo o balanzo da candidatura "é un éxito"

A conselleira de Cultura destacou este venres na sede da Unesco en París que a candidatura galego-portuguesa "serviu para que toda a xente do país lembrase e valorase as nosas tradicións". Antes de rematar a cerimonia e logo que os promotores da candidatura tivesen acceso á lista de premiados pola Unesco e confirmasen que non inclúe ás tradicións orais galego-portuguesas, Bugallo declarou para a TVG que "isto é o inicio dun proceso para poñer en valor a nosa tradición" e insistiu en que aínda sen ter desta volta a beizón da Unesco o balanzo global "é un éxito" que hai que agradecerlle a Ponte nas Ondas e ás escolas implicadas na iniciativa.

- 11:58 25/11/2005
Tags:

Advertindo que a maioría de candidaturas escollidas centrábanse na defensa dun elemento moi específico da tradición, e que esa tería sido de feito un dos motivos do xurado da Unesco de non decidirse finalmente a concederlle a distinción á candidatura galega, a conselleira gabou a amplitude da proposta galega e portuguesa e insistiu en que "estamos orgullosos da nosa diversidade".

Bugallo destacou especialmente a consecución a través desta iniciativa de algo "moi difícil" como é "a implicación dos nosos nenos e nenas na recuperación das nosas tradicións, que a sociedade fose consciente e se implicase e que se falase moito e ben do noso patrimonio". A conselleira de Cultura defendeu o "potencial de traballo que se crea para o futuro a partir desta idea" e comprometeu o apoio da consellaría cara ás futuras iniciativas vencelladas con esta candidatura.


0/5 (0 votos)