Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BLOG PARA ESCOITAR

Podcast: a palabra do ano en inglés, case inexistente en galego

Se blog foi o termo inglés máis importante do 2004, este ano os editores do Oxford American Dictionary decidiron destacar podcast como palabra do 2005. Unha verba que bautizou os audioblogs ou a radio feita para iPods, e que até o ano pasado era apenas empregada por usuarios avanzados e geeks, pero que neste tempo tivo unha adopción masiva na comunidade internáutica e blogueira. Falamos, claro, do panorama anglosaxón. En Galiza a palabra podcast segue a ser descoñecida.

- 13:45 12/12/2005
Tags:

Non é o caso dos blogs, que tiveron unha acollida excelente na nosa lingua, cun censo que agora se debate arredor dos 300 blogs activos. Porén, en galego de momento só atopamos 2 experiencias de podcast: a pioneira foi Plan Galicia de Mariano Grueiro, un ambicioso proxecto artístico que inclúe fotografías, textos e audios, blog e que só ten unha primeira entrada, de xullo deste ano. Máis recente, e máis actualizado, é e-music, un programa dedicado á música electrónica que se emite en Radio Cuac e tamén na rede, e do que podemos escoitar polo momento sete emisións, á hora que queiramos.

É esta unha das características principais da emisión en podcast, pero a máis novidosa é o funcionamento ao estilo blog e o feito de que poidamos subcribirnos ás emisións mediante RSS e recibir as actualizacións de maneira automática directamente ao noso reprodutor de mp3.

A Galipedia define a entrada Podcasting como "un método de transmisión de arquivos de audio (polo xeral MP3 ou ogg) que utiliza redes RSS para distribuír o contido, os arquivos quedan almacenados nun servidor de internet, os subscritores baixan os ficheiros automaticamente.
O termo orixinouse o 12 de febreiro de 2004 pola combinación de broadcasting co reprodutor de Apple Computer, iPod
. No glosario de termos informáticos en galego iniciado por Galego21.org aínda non aparece ningunha tradución de podcast á nosa lingua.

De todos os xeitos non somos os únicos que podcasteamos pouco. O directorio de Podcast-es (que só recoñece en galego o podcast de Mariano Grueiro) ten indexados só dous en euskera e catro en catalán, fronte a 90 en español. É probábel que no 2006 a moda do podcasting se estenda por estes lares, pois é certo que montar un audioblog é case tan pouco custoso como facer un blog escrito, abonda cun equipo mínimo de gravación de voz (nomeadamente, un micrófono) e baixarse algún programa de descarga gratuíta como o iPodder. Para escoitar podcast tampouco é preciso un reprodutor especial de mp3 (aínda que naceu concebido para o iPod), pódese escoitar en calquera ordenador con reprodutor e altofalantes.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: