O Pazo de Congresos de Santiago de Compostela acolleu este sábado a Convención Nacional na que o Bloque dará a coñecer o seu proxecto para reformar o Estatuto galego, iniciando unha intensa campaña de información e de "diálogo coa sociedade" que percorrerá Galiza durante os primeiros meses do 2006. O BNG quere así fornecer a maior información posíbel e aclarar aqueles puntos máis polémicos recomendando "que se lea o texto e que se lea con espírito construtivo e sen prexuízos". Así o fixo xa o responsábel de Planeta Galego, medio de expresión dos galegos da diáspora, cun comentario ao texto da proposta estatutaria no que expón as impresións e dúbidas da comunidade galega no exterior.
Na Convención Nacional, que comezará este sábado ás 18h no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, intervirán Tereixa Paz, deputada do BNG, Carlos Aymerich, portavoz do grupo parlamentar e coordenador da poñencia que redactou a proposta de Estatuto nacionalista, e Anxo Quintana, portavoz nacional do BNG.
Tamén participarán como convidadas delegacións doutras nacións do Estado, representadas por Josu Jon Imaz, presidente do PNV; Josep María Pellegri, secretario xeral de Unió Democrática de Catalunya; e Pere Macías, da dirección de Convergència Democrática de Catalunya e portavoz do grupo dos nacionalistas cataláns no Senado.
Primeiros comentarios dende a emigración
Manuel Casal Lodeiro, Casdeiro, un dos principais activadores na rede da comunidade de galegos e fillos de galegos emigrados, publica este xoves un texto titulado "Comentarios desde a emigración ao Estatuto do BNG" no que expón as dúbidas e impresións que lle merece a proposta nos puntos que atinxen á comunidade galega do exterior.
Unha das peticións principais é que a propia definición do que se entende por comunidade galega, por ser merecedora de certos dereitos no proxecto de Estatuto.