Diante de máis dúas mil persoas, o Bloque Nacionalista Galego presentou este sábado en Compostela o seu proxecto para un novo Estatuto de nación galega. Unha reforma estatutaria que, segundo Anxo Quintana, buscará o consenso e non excluirá a ninguén, pero que será ambiciosa nas súas propostas para non quedarse por atrás de Euscadi e Cataluña, aínda que ofrecendo un modelo propio de autonomía política e financeira.
O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, recalcou que o novo texto para o Estatuto "non pretende vencer senón convencer" e manifestou a súa "vontade real" de chegar a acordos e o compromiso de non apoiar ningún Estatuto que non sexa apoiado polas outras forzas políticas, esixíndolle ao resto das forzas o mesmo compromiso.
Quintana atribuiu o "tremendo lío" que montaron aqueles que "entenden a Constitución como unha arma arroxadiza" -en referencia á polémica pola posibilidade "inexistente" de anexionar territorios de Asturias e Castela-León a Galiza- a que dende Madrid non se contaba con que Galiza presentase un Estatuto de Nación: "só contaban con Euscadi e Cataluña, e agora temen que nos convirtamos nun terceiro problema". O voceiro do BNG criticou os que "entenden a Constitución como arma arroxadiza", insistindo en que "galego pode selo todo aquel que queira".
O vicepresidente foi firme á hora de dicir que "Unha nación non pide permiso para decidir o seu futuro nin rende vasalaxe a ninguén" e preguntoulles "aos que agora se rasgan as vestiduras" se estarían dispostos a deixar Galiza á marxe do debate territorial unha vez que Euscadi e Cataluña teñan un novo texto estatutario.
Blindarse de interferencias foráneas
Dito isto, Quinata reclamou "un estatuto ambicioso que nos defina un ámbito competencial blindado de interferencias foráneas", pois "canto máis autogoberno máis posibilidade de benestar", e fixo alusión ás cintas coa orde de afastar o Prestige: para el non só demostran"incompetencia" senón a "indefensión" de Galiza para afrontar estes problemas. Por iso reclamou "que Galiza teña a competencia sobre o mar" tal e como se recolle no novo Estatuto, fronte a un Goberno central que "non só amarra responsabilidades senón que logo non as exerce".
Quintana esixiu ademais a autonomía financeira suficiente para levar a cabo a autonomía política, e abogou polo modelo propio de financiamento que propón o novo Estatuto. Con isto aproveitou para dicir que Galiza non será o "parvo útil" que usen os políticos centralistas para descalificar as propostas de financiamento de Cataluña e Euscadi".
Presenza do PNV e CiU
A convención, á que asistiron como convidados o presidente do PNV, Josu Jon Imaz, o secretario xeral de UDC, Josep Pellegrí e mais o voceiro de CDC, Pere Macías, comezou coa intervención de Tereixa Paz facendo referencia ao aniversario da morte do mariscal Pardo de Cela, da que se facían o 17 de decembro 522 anos e manifestando a intención do BNG de "promover o debate no ámbito social e no parlamentar, non só nos medios de comunicación" e evitar "que se truque o debate con polémicas sobre se a proposta está ou non no marco constitucional".
Pola súa parte, o voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, recordou os estatutos anteriores de Galiza e en particular ao do 36, remarcando que "a cuestión galega non é un invento do BNG", senón que "está constatando un ha realidade que vén de moitos anos atrás". E invitou a aqueles que criticaron xa a proposta a que a coñezan mellor para demostraren "se máis alá do insulto hai vida intelixente".