Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUPEROUSE EN NOVE MILLÓNS DE EUROS A PREVISIÓN DE GASTO

A Xunta critica o "descontrol" da bolsa de alugueiro permitido polo anterior goberno

"Houbo unha situación de claro descontrol na xestión", laiouse este xoves en rolda de prensa logo do Consello da Xunta o presidente Emilio Pérez Touriño ao tempo que anunciaba a próxima presentación por parte da consellaría de Vivenda dun decreto que reformará o sistema de alugueiro. "Sendo suaves e prudentes, podemos dicir que non se fixo unha correcta utilización destes fondos públicos", reprochoulle ao anterior executivo de Manuel Fraga ao respecto do desbalde de cartos e a falta de rigor no control das axudas aos alugueiros.

- 07:55 23/12/2005
Tags:

Touriño avanzou que a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, presentoulle ao bipartito esta semana o informe previo ao que será a elaboración do correspondente decreto que mudará a actuación en materia de vivenda de alugueiro. Así, a conselleira do BNG comparecerá no próximo pleno do mes de xaneiro para facer público ese informe e presentar o novo decreto para o impulso do alugueiro de vivendas en Galiza. Pérez Touriño comentou que o decreto incluirá un apartado adicado aos temas pendentes do decreto anterior, en vigor durante o goberno do PPdeG, "con plena garantía xurídica para todos os afectados".

O presidente da Xunta subliñou que as axudas establecidas deica agora tiñan a duración dun ano "sen obriga de renovación automática" e explicou que os actuais beneficiados pola bolsa dependerán do novo decreto para a renovación ou non das súas subvencións. Ao respecto, deu detalle dos números manexados polo executivo anterior, criticando que o goberno de Manuel Fraga manexase inicialmente unha previsión de gasto de dous millóns de euros e que o gasto finalmente realizado se disparase deica os once millóns. "Se se fixese unha proxección do que acontecería co mesmo sistema, o gasto comprometido íase disparar até os oitenta millóns de euros", advertiu, destacando a necesidade de regularizar a situación "garantindo que se manteñen todos os dereitos".

Lembrámoslles que a Consellaría de Vivenda decidira derrogar a bolsa de alugueiros na súa forma actual ao detectar que as irregularidades afectábanlle a oito de cada dez contratos. A constatación de que ata catro de cada cinco contratos asinados a través da actual bolsa estaban previamente pactados, ou que mesmo preto da metade serían contratos suspendidos para posteriormente optar ás axudas públicas con incremento de prezo incluído, os realugueiros, falsos contratos ou ocultamentos da renda dos pais por parte de estudantes para optar ao máximo permitido polas axudas foron algunhas das irregularidades detectadas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: