O último minuto deste ano durará 61 segundos no canto de 60. Isto débese a un axuste horario que permitirá compensar cambios na rotación da Terra, que está a xirar máis lenta do normal, tal e como indica o Servizo internacional de rotación da Terra e sistemas de referencia (IERS) de París, que xa lle engadiu outro segundo bisesto ao 1998 pola mesma razón.
O axuste realizarase no derradeiro minuto do ano, cando os reloxos atómicos que manexa o IERS lerán as as 23:59:60 antes de cambiar ás 00.00.00 do 1 de xaneiro de 2006.
Este segundo de graza agrégase para manter uniforme o cronómetro do tempo de rotación da Terra, xa que este pode acelerarse ou desacelerarse por moitos factores, incluíndo as mareas oceánicas.
O primeiro seegundo recuperado agregouse o 30 de xuño de 1972. Dende 1999 até agora os dous tempos estándares estiveron sincronizados abondo para que fixese falta agregar un segundo. Aínda que é posíbel ter un segundo recuperado negativo, se for preciso, até o de agora todos foron agregados, reflectindo a tendencia xeral desacelerada da Terra, que se debe aos cambios das mareas.