Os vixésimos Xogos Olímpicos de Inverno comezan hoxe na cidade piemontesa de Turín, e rematarán o último domingo de mes. O facho xa chegou á cidade e este serán será acendido no estadio olímpico. Participarán 2.600 deportistas de 80 países entre os que non se atopa, desta vez tampouco, ningún galego pero si Madagascar ou Etiopía por primeira vez na historia. Sete deportes e quince disciplinas recadarán a atención dos telespectadores de boa parte do planeta, e comezarán por unha cerimonia de inauguración que necesita máis de 100 kms. de cabo para a súa transmisión. A cidade da FIAT, da Juventus, do Conde de Cavour ou do politólogo Norberto Bobbio, acolle os seus primeiros Xogos no mesmo ano en que foi nomeada Capital mundial do Libro pola Unesco.