Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TURÍN 2006

Récord de países participantes nuns Xogos de Inverno

Os Xogos Olímpicos de Turín 2006 van marcar algúns récords xa antes de comezar. Por exemplo, o de países participantes, con 80 comités nacionais inscritos, algo nunca atinxido ata o de agora nunhas olimpíadas de inverno. 2.600 deportistas, dos que o 60% son homes, demostrarán as súas habelencias deportivas. Entre eles haberá por primeira vez un etíope e un malgaxe.

- 10:21 10/02/2006
Tags:

Dos 203 comités olímpicos recoñecidos polo COI, o 40% acudirán a Turín. Desde Salt Lake City, onde participaron 77 comités olímpicos nacionais, aumentaron tres máis, e dous deles é a primeira vez que participan nunhas Olimpíadas de Inverno, Madagascar e Etiopía. O malgaxe Mathieu Razanakolona estará na lista de saída do eslalon e do xigante e o etíope Robel Teklemariam aproveitará a viaxe para participar en catro probas de esquí de fondo (15 km., 30 km., 50 km. e esprín) e ademais en saltos. Razanakolona, que naceu e viviu sempre en Canadá, creou a Federación Malgaxe de Esquí para cumprir este soño, que non queda aí: está a levar a cabo un programa de desenvolvemento para a súa illa de orixe aproveitando a repercusión da súa estadía en Turín. E se queredes apoiar a iniciativa podedes ata mercar camisolas de Ski Madagascar pola rede.

O etíope Teklemariam, que vive en Nova York dende os nove anos, terá lonxe converterse no primeiro campión olímpico da África Negra, pero lembremos que foi na capital italiana onde o tamén etíope Abebe Bikila conseguía ese reto pro primeira vez nos Xogos de verán 1960.

O presidente do COI, o belga Jacques Rogge, declarou sentirse orgulloso deste récord de participación dos comités olímpicos nacionais. "Esta cifra demostra que o traballo do COI, dos comités nacionais e das federacións internacionais no eido dos deportes de inverno está a dar os seus froitos e que o interese polos Xogos de inverno medra de máis en máis". A taxa de participación feminina é tamén maior ca nunca. En Turín haberá 37 probas para mulleres e 47 para homes e en todos os sete deportes do programa haberá cando menos un evento desputado por deportistas mulleres.


Ligazóns

0/5 (0 votos)