Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRO DEBATE TELEVISIVO DOS LÍDERES DOS PARTIDOS DESDE AS ELECCIÓNS

PSdeG, BNG e PPdeG escenifican a vontade de consensuar a reforma estatutaria nesta lexislatura

"O estatuto galego podía estar onde está hoxe o catalán", subliñou o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, que substituía este luns diante das cámaras da TVG ao único líder das tres formacións que renunciou a estar no debate, Emilio Pérez Touriño, e que se laiou de que no seu momento "unha maioría do PPdeG impediu ese proceso". Mentres, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, teimou en levar a primeiro plano o debate sobre o proceso de reforma estatutaria en Cataluña, insistindo en que "vai prexudicarlle" a Galiza. "Galiza non pode estar allea aos pactos de Zapatero cos cataláns", subliñou. Por outro lado, o voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, pediu un "estatuto ambicioso que sexa instrumento xerador de benestar para os galegos" e insistiu na necesidade de "saber de onde parte cada un dos partidos", reprochándolle a socialistas e populares que non presentasen aínda un proxecto de reforma concreto.

- 07:28 14/02/2006
Tags:

"Non será difícil atopar unha fórmula que nos poña de acordo a todos", afirmou o voceiro parlamentario dos socialistas galegos. Ismael Rego comentou no inicio do programa Hai debate, na TVG, que "a nosa identidade, a de Galiza, non é a mesma hoxe ca hai 25 anos: hoxe hai unha concepción nacional, que é froito da propia aplicación do estatuto actual. E existe un compromiso para recoller esa identidade do noso pobo". Ao respecto, o líder do PPdeG opinou que "non nos debemos estar preguntando cada 25 anos quen somos". Alberte Núñez Feijoo argumentou que "cada un ten o seu sentimento e pódese autodefinir persoalmente como queira", precisando ao respecto que "o Parlamento non pode facer leis ilegais". Sobre o mesmo tema, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, destacou que na súa opinión "Galiza é unha nación e este é o momento do recoñecemento xurídico" e chamou ao acordo para "non sermos menos que Euscadi ou Cataluña".

O voceiro do PSdeG opinou durante o debate que "o estatuto actual foi un instrumento útil pra guiar o compromiso coas institucións do noso país", pero salientou que "a realidade é hoxe completamente distinta". "Temos novos retos que deben ser atendidos por esta reforma, que non é para crear novos problemas, senón para resolvelos, ampliando e clarificando o teito competencial", dixo Ismael Rego, quen lle reprochou ao PPdeG que "tente dar a impresión de que o problema dos galegos é o estatuto catalán, lexitimamente aprobado polo Parlamento catalán". O voceiro socialista afirmou que o proceso actual debe "recoller a nosa conciencia identitaria, para mellorar o noso autogoberno e o noso financiamento, e para que haxa aínda máis identificación coas institucións, porque hoxe en día, Galiza non se pode entender sen as súas institucións de autogoberno". Ismael rego pediu tamén "abrir esta reforma á sociedade todo o que sexa posíbel" e "converter en dereitos as novas necesidades da cidadanía". "Os socialistas galegos sempre estiveron en todos os consensos estatutarios, onde outros non estiveron, e nós non damos leccións, pero ninguén nolas pode dar a nós", subliñou.

Polo PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, trouxo a primeiro plano en varias ocasións durante as súas intervencións o referente do novo estatuto catalán. Opinou Feijoo que "non lle debemos deixar aos máis ricos que negocien bilateralmente", insistindo en que "a Galiza vai afectarlle o pacto que ten o PSOE en Madrid para manter o poder", advertindo que "cando un quere ter máis outro vai ter menos". O líder dos populares galegos argumentou que "ter máis competencias non vai resolver os problemas", explicando que "os cidadáns queren que se lles fale dos seus problemas reais" e destacando que en todo caso, o PpdeG estará a prol "dun arco competencial semellante ao do resto das comunidades históricas". Núñez Feijoo comentou tamén que "parece razoábel actualizar o estatuto actual, pero hai que facelo lembrando que o que esá vixente funcionou ben". O novo presidente do PpdeG indicou ao respecto que "se queremos unha reforma é porque xa chegamos a unhas cotas importantes de autogoberno", explicando que "a clave é o financiamento" onde na súa opinión "Galiza pode perder moito". "Preocúpame que Galiza quede no vagón de cola as autonomías", asegurou, "non creo nunha España asimétrica". Advertiu ademais que "o PPdeG é a forza decisiva na reforma estatutaria, polo que se non quixera participar nela, o proceso non estaría aberto" e precisou que a reforma "podería sair adiante cos votos do PPdeG co PSOE ou co BNG" aínda que "o desexo do PPdeG é que a reforma vaia cara a Madrid coa unanimidade do Parlamento de Galiza".

"O estatuto, ou é de todos ou non será", afirmou o voceiro nacional do BNG, pedindo acelerar a busca de puntos de encontro entre os partidos neste debate", "e é bo que esteamos de acordo en iniciar este proceso, en que é prioritario". Anxo Quintana insistiu en avanzar cara a unha reforma "para que as cousas que lle interesan a Galiza se decidan aquí" e criticou que o discurso dos populares "di un día que Cataluña é un problema e ao seguinte que queren o mesmo que Cataluña". Na opinión de Quintana este proceso "non é un problema, senón unha oportunidade" e nesa liña pediu "falar entre todos pensando en Galiza e sen estar conectados telefonicamente a Madrid para saber de que podemos ou non podemos falar". "Xa logo o defenderemos conxuntamente aló", indicou Quintana, precisando ao respecto do recente pacto estatutario de CiU co PSOE, que "os deputados de PPdeG, PSdeG e BNG suman unha forza moito maior que a de CiU se son capaces de defender a súa posición consensuada de xeito conxunto en Madrid". O voceiro nacional do Bloque destacou que "non hai autogoberno sen os recursos necesarios para exercer esas competencias" e pediu "vencer a idea de que somos un goberno pobre" e insistiu en que a reforma debe "proporcionar autofinanciamento, que Galiza xestione as taxas que pagan os galegos; definir o custo dos servizos e que dispersión e avellentamento sexan criterios" e garantir o pago da débeda histórica "21 mil millóns de euros a pagar en oito anos".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: