ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEXAN OU NON OS SEUS INTEGRANTES DO MESMO SEXO

O PPdeG decide apoiar o recoñecemento de dereitos para as parellas de feito

Era a primeira xuntanza da dirección do PPdeG sen Manuel Fraga e o seu sucesor, Alberte Núñez Feijoo, saiu cunha proposta sorpresa: o partido presentará emenda ao texto da futura Lei de Dereito Civil de Galiza onde pedirán a equiparación en dereitos e obrigas das parellas de feito aos matrimonios tradicionais. Os populares escenifican así unha significativa viraxe que coincide coa marcha a Madrid do seu presidente fundador, moi belixerante nas súas declaracións públicas contra o recoñecemento de dereitos ás parellas de feito.

- 07:05 02/03/2006
Tags:

Deste xeito, e cunha emenda no mesmo sentido presentada polo grupo parlamentario do BNG, a Lei de Dereito Civil que a Cámara galega debaterá nas próximas semanas, vai corrixir o défice na atención aos dereitos das parellas de feito en Galiza, onde a diferencia da maioría de comunidades autónomas, aínda non existían normativas ao respecto. O voceiro do PPdeG anunciou que apoiarán que se lle dea "seguridade xurídica" a estas persoas, creando un rexistro de parellas e garantíndolle dereitos similares aos dun matrimonio tradicional. De xeito significativo, a emenda dos populares recoñece explicitamente unha parella de feito como a unión de dúas persoas maiores de idade "que se atopen vencelladas por unha relación afectivo sexual" subliñando "sexan do mesmo ou de distinto sexo".

Lembrámoslles que a postura oficial do PPdeG nos últimos anos sobre este asunto tivo significativos episodios protagonizados polo propio ex presidente da Xunta e líder do partido, Manuel Fraga, quen sempre se declarou contrario a avanzar nese camiño. Unha das súas máis lembradas declaracións ao respecto produciuse hai un par de anos, cando ao fío da actualidade do alcalde de Toques, condenado por delicto de abuso sexual sobre unha rapaza de 16 anos sen o seu consentimento, Manuel Fraga declaraba: "Avergónzame a hipocrisía de moita xente nestes tempos perelectorais. Eses grupos defenderon o aborto sen condicións, o amor libre ou as parellas de feito, incluso entre persoas do mesmo sexo, e agora pídenme que me apiade da pobre nena. Foi unha conduta incorrecta, non unha violación ou un acto de pederastia".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: