Contratar un empregado en Galiza ten un custo medio para unha empresa de 21.233 euros, lonxe dos 24.838 euros aos que chega a media no resto do Estado. É dicir, a contratación é un 16.9% máis barata aquí respecto ao resto de comunidades autónomas, segundo recolle o informe Análise sobre os custes laborais en Galiza, presentado a pasada semana polo sindicato CCOO. Baseados nas propias cifras do INE das que xa lles contamos, os datos volven ao primeiro plano ao tempo que este luns se constitúe a mesa de coordinación do proceso de diálogo social en Galiza, que reunirá a patronal e axentes sociais.
"Os empresarios galegos aseméllanse máis aos chineses ou os indonesios, á busca dos salarios máis baixos". Así o criticaba a pasada semana desde CCOO en Galiza o seu secretario de acción sindical e política industrial, Xaime López, acusando á patronal galega de "non ir acorde coa realidade do contorno europeo", tal e como avalan os números do "atraso de Galiza en canto a custos laborais".
Desde o sindicato lembran a elevada taxa de temporalidade no contorno laboral galego, do 35%, e subliñan que o salario medio dun traballador apenas chega ao 80% da media do resto do Estado, cun custo laboral que é en Galiza un 33% menor ca no resto da Unión Europea. O representante de CCOO laiouse ademais de que no canto de camiñar á converxencia a fenda aínda aumentou nos últimos anos. Desde a formación sindical apostan por "erradicar a precariedade" e turrar polo "emprego estábel" e lamentan que nesa arela evidénciase "unha falta de disposición desde a patronal galega" á que acusan de opoñerse a mellorar a calidade do emprego.
Agárdase que a Mesa de Coordinación para o Proceso de Diálogo Social que este luns se constitúe sexa un primeiro chanzo para virar a situación. No acto estarán o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e en representación da patronal o presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Antonio Fontenla. Por parte dos sindicatos asisten os secretarios xerais de CCOO, UXT e CIG, Xan María Castro, Xosé Antonio Gómez e Suso Seixo.