Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS ONGs PIDEN CÓDIGOS DE CONDUTA PARA O SECTOR

Milleiros de traballadoras do téxtil de todo o mundo sen contrato nin prestacións sociais

"Non existen garantías suficientes para saber se a roupa que fabrican as marcas españolas fanse respectando os dereitos laborais de las traballadoras dos países en desenvolvemento". Amarante, colectivo responsábel en Galiza da campaña Roupa Limpa, lembra este 8 de marzo a reivindicación para que se eliminen as condicións de explotación laboral que sofren sobre todo as mulleres no sector téxtil e pídenlle ás empresas galegas do sector que se comprometan no respeto aos dereitos das traballadoras en toda a súa cadea de produción, "cada vez máis deslocalizada".

- 11:02 08/03/2006
Tags:

O 70% das prendas de vestir que se venden en todo o mundo foron elaboradas en países pobres ou en vías de desenvolvemento. As empresas do sector empregan na súa maioría a mulleres, que suman porcentaxes sobre o cadro industrial de ata o 90% en países coma Bangladesh e chegan ao 75% no caso do Estado español. A nivel mundial e segundo as cifras que manexa a Federación Setem, impulsora da campaña, tres de cada cinco destas mulleres empregadas no téxtil non teñen dereito a prestacións sociais nin contratos formais de traballo.

O 40% da roupa que se vende no conxunto do Estado foi producida en China, India, Turquía ou Marrocos, países todos eles onde non hai garantías de cumprimento da lexislación de dereitos laborais. Ao tempo, o ritmo de deslocalización é cada vez maior, marchando cara a esas xeografías cada vez maior volume de produción. Esa tendencia afectoulle especialmente a Galiza, onde só en 2005 se perderon dous milleiros de empregos no sector, a maior parte dos cales eran ocupados por mulleres.

Por este motivo, os colectivos pídenlle á Federación Española de Empresas da Confección que promova un "Plan de Introdución de Responsabilidade Social Corporativa" no sector e facilite que se poida comprobar de xeito independente e en todo momento se as prendas foron fabricadas en condicións sociais e medioambientais dignas. A petición inclúe que se garanta "o exercicio da liberdade sindical" e que se lles esixa ás empresas faceren pública "a lista de tódolos seus provedores" coma xeito de garantir a transparencia.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: