Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DE LA VEGA DI QUE O GOBERNO "ESTÁ DISPOSTO" A NEGOCIAR

O comité de empresa de RTVE en Galiza agoira "novas medidas de presión"

"Se con seis montadores a penas damos feito o informativo das dúas, coa metade será imposíbel", di o presidente do comité de empresa de RTVE en Galiza, Pepe Sabell. Segundo os cálculos do comité, o plan de saneamento de RTVE custará en Galiza, de entrada, o emprego do 20% do persoal da televisión, contratado en precario, e arredor da metade dos empregos na radio. Sabell di que nos centros territoriais de RTVE en Galiza "tamén estamos a favor dunha mellor xestión dos recursos, pero este plan só lle abre a porta ao desmantelamento do servizo público". Se a negociación non dá froitos -e aínda hai que pactar os froitos sindicalmente- "haberá que aumentar as medidas de presión, xa en previsión dunha folga".

- 15:25 13/03/2006
Tags:

En 2005, TVE en Galiza introduciu 750 novas e reportaxes sobre temas galegos nos informativos centrais. En total, e para consumo no país, 700 programas e máis de 400 horas de programación en galego. Segundo os cálculos do comité de empresa, os recurtes pactados polo Goberno e a SEPI afectarían de entrada ao 20% dos setenta traballadores da televisión, con contratos de prácticas ou por obra. "Persoas que traballan de xornalistas ou editores de vídeo, básicas en todo caso para garantir as emisións", din. A súa aplicación suprimiría até dous terzos da programación, e a totalidade da produción non estritamente informativa. "Habería problemas para emitir o único informativo, o de TVE1 ás 14 horas. Porque Arquivo e Documentación tamén desaparecería".

Nos centros de RNE en Galiza, "entre o 40 e o 50%" dos traballadores -máis de cen- veríanse afectados. Á parte dalgunhas desconexións en Radio 1, desaparecerían as de Radio 5. "Decidiríase todo desde Madrid, qué se conta de Galiza e qué non", asegura Sabell. "En xeral, se falamos do que se perdería en TVE e RNE, pódese dicir que o noso papel non o supliría ninguén".

Os membros do comité entrevistábanse hoxe con Núñez Feijóo, e mañá teñen previsto facelo con Quintana, á espera de poder comunicarse con Touriño. Sabell non quixo valorar a iniciativa parlamentar do deputado socialista Luís Toxo.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FESP) sinalou que a proposta da SEPI amosa "definitiva e claramente" a intención do PSOE de "destruír para sempre" a radiotelevisión pública estatal. A FESP, na que está integrada o Sindicato de Xornalistas Galegos (SXG) chama á mobilización dos traballadores.

Pola súa banda, estes -os traballadores- comezaron xa o traballo simbólico. Os micrófonos de RNE Santiago locen desde este luns un crespón negro en sinal de loito polo plan de saneamento previsto para RTVE. "Lonxe de propoñer un saneamento do Ente, supón o desmantelamento da radio e televisión públicas" din. "E atenta, ademais, contra o principio de descentralización informativa defendido polo Comité de Sabios e presente no programa electoral do PSOE".

A pactar

Un total de 9.212 persoas traballan na actualidade en RTVE no Estado español. Deles, 7.988 teñen contratos fixos ou indefinidos. Dos outros 1.224, cen empregados teñen contratos artísticos, 500 por obra e o resto son becarios. Os axustes do proxecto gobernamental eliminarían un 39% do emprego, segundo o Goberno, e case a metade dacordo co cálculo sindical, que inclúe aos precarios.

A vicepresidenta primeira do Gobierno, María Teresa Fernández de la Vega, dixo o domingo que os axustes laborais "pactaranse" cos sindicatos. O venres, UXT e CCOO instaban ao Executivo a presentar "un expediente de regulación de emprego". O domingo, tras as declaracións de De la Vega, os representantes de UXT nos centros de RTVE en Andalucía falaron dun "punto de partida".


Ligazóns

0/5 (0 votos)