Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLAN DE SALVAMENTO E LOITA CONTRA A CONTAMINACIÓN 2006-2009

Galiza acollerá unha das bases estratéxicas para atender emerxencias marítimas

Aínda pendente por definir a súa localización concreta, a costa galega acollerá unha das seis novas bases estratéxicas para o almacenamento, mantemento e xestión de material de salvamento e loita contra a contaminación que se construirán no Estado , segundo explicaron este martes desde o ministerio de Fomento. Ademais, A Coruña será sede permanente dun equipo de buceadores especializados neste tipo de actuacións de emerxencia, vaise reforzar o cadro dos helicópteros de salvamento e traerase un dos avións con tecnoloxía de detección de contaminantes. Doutra banda, o executivo dedidiu que a Galiza só virá un dos dous buques polivalentes prometidos.

- 07:55 15/03/2006
Tags:

O plan para os próximos tres anos multiplica por sete o orzamento neste ámbito do trienio anterior, cun total de 1.022 millóns de euros e co 90% desa cantidade destinada ao establecemento de novos medios. Desa suma, 515 millóns serán para investimentos directos e 507 para operacións de mantemento. O plan incluirá a construción en Galiza dunha das dous maiores bases do Estado destinada a atender accións contra a contaminación no mar e prestar servizos de salvamento. A infraestrutura, proxecto de máis de 18 mil m2 de superfie, non ten aínda decidida a súa ubicación definitiva.

Estimular a colaboración continua e a coodinación arredor de operacións concretas é tamén obxetivo deste proxecto, que pretende deseñar un espazo de investigación e un contorno colaborativo entre as diversas administracións e organismos vencellados. Á beira vaise impulsar un programa de seguridade en buques pesqueiros con atención especial na formación das tripulacións. O proxecto inclúe a mellora dos sistemas de alarma e localización de accidentes, a realización de estudos sobre estabilidade dos barcos, accións de formación e a multiplicación das tarefas de inspección.

A ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, explicou que de xeito concreto o novo plan pretende recudir á metade os tempos de resposta no caso de incidentes onde sexa precisa a atención de buques remolcadores, e que se multiplicará por cen a capacidade de recollida de contaminación. Álvarez gabou especialmente que a nova flota de emerxencias vai ser xestionada directamente polas administracións e terá adicación exclusiva a estas tarefas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: