A última hora do mércores, a directora de RTVE, Carmen Caffarel, mantivo unha reunión cos sindicatos representados no Comité Xeral Intercentros da radiotelevisión pública -APLI, CCOO e UXT- e pediulles que suspendesen as "ocupacións" dos platós. "Non imos continuar nunha política de meternos en cada programa en plan salvaxe", anunciou hoxe CCOO en Valladolid. En Galiza, o comité de empresa de RTVE conta con reunirse con Touriño a semana que vén para conseguir que a iniciativa parlamentar presentada polo deputado socialista Luís Toxo -que non falaba de despidos- "se convirta nun acordo unánime do Parlamento galego".
O representante de CCOO no CXI sinalou que a suspensión das emisións en directo de Mira quién baila ou España Directo -tres en dous días- "soamente foron unha chamada de atención". A folga de 24 horas prevista para o 5 de abril -a falta das reunións do Comité de finais de marzo-, contra o Plan de Saneamento presentado por RTVE e a SEPI, segue en marcha.
Camacho rexeitou que RTVE sexa "un despilfarro", como repite en El Mundo o presidente da SEPI, Enrique Martínez Robles, que atribúe o aumento da débeda até as cifras actuais, 7.500 millóns de euros, "aos oitos anos de Goberno do PP, que non acometeu ningunha medida e rebaixou as subvencións. A débeda multiplicouse por catro". CCOO fala dunha "mala xestión dos sucesivos gobernos desde 1982, pois deixaron de destinar ao ente público a financiación prevista e obrigárono a endebedarse, enganando a Europa".
Sen fitas negras
En Galiza, os traballadores de RNE decidiron abandonar o loito simbólico das fitas negras. Ripáronas xa dos micrófonos porque, en palabras de Sabell, "non ten sentido que poida haber sancións individuais -a dirección da canle avisara de que están prohibidas "pola lexislación vixente"- que nos afasten do noso obxectivo principal".
Sabell xulgou "positiva" a reunión mantida onte co Consello Asesor de RTVE en Galiza. O venres, ás 12 horas en San Marcos, repetirase a concentración dos traballadores galegos de RTVE.