Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RENUNCIA O DIRECTOR DO PROGRAMA ESTRELA MATINAL

A dirección da Radio Galega descarta que haxa crise malia a demisión de Xusto López Carril

Esta mañá o programa "Un día por diante" comezaba a súa emisión sen a voz de Xusto López Carril, substituído polo locutor Pichi Varela. O director do programa demitiu onte pola inclusión na franxa do seu programa dun debate sobre o Pacto Local presentado por Tino Santiago. Esta era a segunda entrega dunha serie de cinco debates, froito dun convenio coa consellería da Presidencia, que para López Carril supón unha "inxerencia" no seu programa que el non está disposto a admitir "por razóns estritamente profesionais". Este xornalista fala de "crise" e de "moi mal ambiente" entre os traballadores da Radio Galega, xa que non se trata da primeira demisión, mentres que na dirección negan que exista tal crise aínda que admiten que a baixa do condutor do programa estrela matinal, 2 meses despois de empezar, é un problema "grave" pero illado.

- 14:20 16/03/2006
Tags:

O conflito ocasionado no programa "Un día por diante" remóntase ao 23 de febreiro, data en que se incluíu o primeiro dunha serie de 5 debates sobre o Pacto Local, que se farían dende distintas cidades galegas, en base a un convenio asinado entre o director da Radio Galega e a consellaría de Presidencia. López Carril non estaba dacordo coa inclusión no pgroama deses espazos, nin estaba disposto a facer eses desprazamentos entre cidades, alegando "cansazo físico", polo que a dirección buscou outra persoa para conducilos, Tino Santiago. O 23 de febreiro emitiuse o primeiro deses espazos avisando a Carril, segundo explica, dez minutos antes de empezar o programa, algo que o enfadou moito e que motivou xa daquela a decisión do xornalista de demitir, aínda que até onte non o fixo formalmente.

O xornalista asegura que a decisión responde a un criterio "estritamente profesional" dado que non estaba disposto á "perda de prestixio" que supoñía inclúir un espazo "totalmente anti radiofónico" na estrutura dun magacine que "é un proxecto persoal e foi moi duro de crear". López Carril acusa a dirección da radio de "imposición" e "perda de confianza", ademais de "ausencia de diálogo" que o abocaron a presentar de maneira irrevogábel a súa carta de demisión. Carril lamenta a situación, que que califica de "grave crise" para a Radio Galega, xa que non é o primeiro que demite nos dous meses que leva funcionando a programación. A condutora do programa "As Quimbamas", Amelia García, tamén o facía pouco despois de empezar o seu programa, pero por razóns moi distintas, que segundo ela non teñen nada que ver co conflito que denuncia Carril.

O director da Radio Galega nega tal crise e fronte as razóns que presentou López Carril para a demisión di que se cumpriu escrupulosamente co que deben ser as funcións públicas da Radio Galega, entre as que están divulgar o debate político sobre unha cuestión de interese público. Virxilio Costas asegura que tampouco se obrigou a López Carril a facer este espazo, e que se accedeu á súa petición de se trasladase da franxa horaria das 12 á da 1 (a última do programa, que é de 9.30 a 14h), tendo sempre en conta que se trataba en total de 5 debates de unha hora espaciados no tempo. Aínda así Carril demitiu.

Na súa carta de demisión o director de "Un día por diante" alega tamén que os seus colaboradores non cobraron, algo que Virxilio Costas non admite porque corresponde a un proceso burocrático do que a dirección da Radio xa non é responsábel.

Xurxo Souto, director de programas, admitiu que se trata dun "problema grave", recoñece a valía de López Carril, a quen el mesmo elixiu para conducir o programa das mañás, pero di non compartir as razóns da demisión porque "o director da Radio Galega ten todo o dereito a asinar convenios" e ademais "o horario ocupado polo debate non é dun programa ou doutro, é da Radio Galega". De todos xeitos tampouco fala de crise "nun momento de enorme potencialidade para o proxecto da nova radio pública, que está funcionando ben á marxe das persoas".

Nunha reunión celebrada onte entre a dirección e o equipo do programa "Un día por diante", éste decidiu seguir adiante logo da demisión do seu xefe e elixiu a Pichi Varela para que asumise a condución, como solución conxuntural mentres a dirección non decide sobre o futuro dos contidos da franxa matinal.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: