Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O 1 DE ABRIL BROMAS MIL

Desconfíen da prensa... este sábado

"O un de abril van os burros a onde non deben ir". Un ano máis traémoslles o refraneiro á lembranza cara a este primeiro de mes. Un día que na tradición galega viña sendo o equivalente para as brincadeiras do que noutras xeografías celebran na altura do 28 de decembro. Coincide ademais co que no ámbito anglosaxón lle chaman April Fools Day, moi celebrado na prensa e a nivel internet. Aproveitamos para contarlles de blogparodia: Vai mercar Google o navegador Firefox? Ten Bill Gates preparada a alternativa ao iPod?

- 10:25 31/03/2006
Tags:

O Movemento Cultural Xandoque, en Ourense, ou a Burla Negra, celebraron algún ano, con viño, churrasco, contos e outras herbas, o Primeiro de Abril, un día do que Otero Pedrayo daba conta na súa Historia de Galiza, referíndose a el coma o día das trampas e da broma. Así e todo a tradición, de orixe incerta, vai quedando perdida na memoria dos máis vellos, en beneficio do coñecido 28 de Decembro, Día dos Santos Inocentes.

Dalgún xeito, o día galego das chanzas pérdese na historia co vencello á tradición que hoxe manteñen as culturas anglosaxona ou francesa, que se refiren a esta data coma o April Fool's Day e o Poisson d'Avril. E seica na illa balear de Menorca teñen tamén o Día D'Enganar.

Na web hai explicacións varias sobre o asunto. Unha delas cóntanos que ten que ver co momento no que o rei Carlos IX introduciu en Francia o novo calendario, que mudou as datas de xeito que o Aninovo pasaba a caer no 1 de abril. O lento camiño da información por aqueles tempos fixo que moita xente seguise celebrando o primeiro do ano o 1 de abril, que polo calendario novo pasaba a ser o 1 de xaneiro.


0/5 (0 votos)