"Neste mesmo semestre o Parlamento poderá votar un Plan de Desenvolvemento para a Costa da Morte que abra o camiño para a converxencia destas comarcas", asegurou o presidente da Xunta en resposta parlamentaria ao deputado do BNG, Carlos Aymerich. Emilio Pérez Touriño recoñeceu que a Costa da Morte "podería estar ao nivel de desenvolvemento doutras áreas do litoral galego" e pola contra amosa indicadores cun nivel de renda lonxe da media. Doutra banda, a Cámara galega foi este mércores escenario da rifa do propio Touriño co voceiro do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, a conta da liberación das peaxes de Rande e A Barcala. Feijoo acusouno de ir pasar á historia "coma o presidente de Galiza que deixa unha débeda contraída para os nosos netos", e o líder do executivo galego retrucoulle cualificándoo de mentireiro e denunciando que o PPdeG mentres gobernou "regalou recursos e patrimonio de todos os galegos". Ao tempo subliñou que antes de 2010 deixará de haber peaxe no treito Pontevedra-Vigo.
"Hai unha débeda histórica coa Costa da Morte", afirmou o voceiro do BNG no Parlamento este mércores. Carlos Aymerich denunciou "o fume e as promesas" que os gobernos do PPdeG venderan cara a esta zona, e laiouse especialmente de que a autovía da Coruña a Carballo for a proxectada e construída coa fin de ser unha vía sen peaxe e posteriormente os populares decidisen privatizala. "E por riba non deixaron nada feito sobre a necesaria prolongación máis alá de Carballo dunha vía clave para o desenvolvemento da Costa da Morte", criticou. Aymerich chamou ao executivo a "facer un esforzo especial" con estas comarcas, subliñando a necesidade de suprimir a peaxe dese treito.
Na súa intervención posterior, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, coincidiu coa análise do voceiro nacionalista e indicou que a situación actual da Costa da Morte "é exemplo perfecto" das políticas do goberno anterior que privaron aos cidadáns de acadar o nivel que polas súas potencialidades podería conseguir. "Condenaron a Costa da Morte ao illamento, ao desequilibrio e á incomunicación", afirmou o presidente. Nese sentido, denunciou tamén que a autoestrada a Carballo fose "hipotecada" polos populares, "anunciándoa libre de peaxe e entregándolla despois á iniciativa privada até 2045". Touriño asegurou que na axenda do bipartito está o rescate desa concesión e avaliou que terá "un custo mínimo 400 millóns de euros".
Os défices de accesibilidade
O presidente cualificou de "paradoxo" que unha zona que "podería ter niveis de desenvolvemento similares ao Salnés, O Morrazo ou o Val Miñor se sitúe en niveis de renda equiparábeis e semellantes a comarcas de máis difícil accesibilidade de Galiza, como a montaña e o interior". Coma primeiro chanzo antes da presentación do prometido Plan de Desenvolvemento, destacou despois a necesidade da "mellora profunda e radical da accesibilidade a esta comarca de xeito que se garanta a súa articulación interna e a conexión co resto de Galiza". Os primeiros investimentos, por valor de 70 millóns de euros, incluirán a variante de Carballo, o reforzamento do firme, sinalización e balizamento da AC-552 ou o acondicionamento do eixo Carballo-Malpica-Ponteceso. Na axenda tamén está a planificación dunha vía de alta capacidade que "sexa eixo central que estruture a comarca e una Carballo con Fisterra".
A rifa das peaxes
"Para a concesionaria d'A Barcala a súa oferta é un negocio, xa que os ingresos de Audasa nesa peaxe superan en pouco aos gastos derivados da súa explotación", asegurou o voceiro do PPdeG, acusando tamén ao goberno actual de "non ser capaz de desbloquear o ramal de conexión co Aeroporto de Alvedro a executar pola Xunta". Respecto das peaxes suprimidas, Alberte Núñez Feijoo insistiu en que "os galegos pagarán entre 150 e 200 millóns de euros que tiña que poñer o Estado, mentres os galegos non sabemos onde están os máis de 1.500 millóns de euros que recibiu o Estado coa concesión da autoestrada". "Cando vostede teña 100 anos Galiza seguirá pagando a súa irresponsabilidade", subliñou, indicando despois que "as decisións estratéxicas do Señor Touriño para Galiza como secretario de Infraestruturas supuxeron ampliar a dez anos a concesión da autoestrada do atlántico a cambio de nada, incumprir o compromiso de rematar as autovías en 1995 e que o AVE remate en Valladolid".
Ás acusacións retrucoulle o presidente da Xunta que o acordo co Estado para a eliminación das peaxes "é universal e definitivo" e que "non supón un custo adicional, porque Galiza non pagará un euro máis do que xa pagaba". Touriño argumentou que a solución decidida resolve "un agravio comparativo realizado con Galiza polo PP". O líder do executivo galego denunciou especialmente que o goberno do PPdeG investiu nos últimos anos "máis de 300 millóns de euros en obras que eran competencia exclusiva do Estado", acusándo a Núñez Feijoo de colaborar "na venda do patrimonio dos galegos". "Vostede é coma un mal neto, que esrtagou o patrimonio do avó e agora vén reclamando a herdanza. Pagará moitos anos de penitencia na oposición", concluiu.