Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPARECE NA COMISIÓN ESTATUTARIA EN REPRESENTACIÓN DO MUSEO DO POBO GALEGO

Díaz Pardo: "as competencias en materia cultural deben ser realmente exclusivas de Galiza"

"Hai que poñerlle fin a esa dualidade de redes de bibliotecas, arquivos ou museos. As de titularidade estatal deben desaparecer en beneficio das autonómicas a través do correspondente proceso de transferencias". Así o afirmou Isaac Díaz Pardo, galeguista histórico que viviu o proceso cara aos dous estatutos de autonomía anteriores, desde o que xa fora o seu papel como cartelista no de 1936, e que representou este xoves ao Museo do Pobo Galego, na súa calidade de presidente deste organismo, dándolle lectura á súa posición oficial diante desta reforma. As recomendacións da institución inclúen tamén que "o texto debe recoller a afirmación do carácter nacional de Galiza".

- 15:01 20/04/2006
Tags:

"Só así poden ser posíbeis políticas culturais verdadeiramente integradas e unha xestión dos recursos eficiente", reflexionaron desde o Museo do Pobo Galego ao fío da necesidade de que Galiza asuma en exclusiva as competencias culturais, segundo espuxo este xoves Isaac Díaz Pardo na comisión para a reforma estatutaria. Díaz Pardo indicou tamén que "os poderes públicos galegos deben protexer e velar polos elementos que xeran a identidade galega: a paisaxe coma expresión do territorio; a lingua e a cultura galegas".

No que lle toca á lingua, a institución subliña que galego e español deben ter igual definición xurídica, garantindo nos dous casos o dereito de usalas e o deber de coñecelas. Debullando a necesidade da definición identitaria de Galiza o Museo do Pobo Galego propón tamén que o novo Estatuto alén da propia enumeración, realice a definición dos símbolos expresados: a bandeira, o escudo, o himno e estableza o 25 de xullo como día da "festa nacional" de Galiza. Díaz Pardo rematou a súa intervención expresando a proposta do patronato do Museo de que o executivo galego pase a denominarse "Consello de Galiza", forma que consideran máis apropiada que "a fórmula importada Xunta de Galiza".

A redefinición do Consello da Cultura
Logo das intervencións dos representantes dos partidos políticos, o presidente da xunta reitora do Museo do Pobo, Xusto Beramendi, afondou nalgunhas das cuestións repasadas anteriormente por Díaz Pardo, como foi o caso do Consello da Cultura, institución para a que piden "definir mellor a súa natureza, convertíndoa nun órgano asesor e cunha representación plural do mundo da cultura". Beramendi foi belixerante co estatus actual do Consello, asegurando que "non responde ao espírito co que se creara no anterior Estatuto, onde só se menciona". Na súa opinión, debera ser un órgano asesor do goberno en materia cultural tal e como outras institucións fan noutras áreas.

"Na práctica derivou nalgo que pouco ten que ver con iso", laiouse Beramendi, "é unha entidade organizadora de Congresos, organiza arquivos, as súas funcións ás veces solápanse coas doutros organismos investigadores...É coma se o Consello de Contas organizase congresos de economía". Á beira, criticou que o seu órgano decisorio "sexa privado e por cooptación dos seus membros, no canto de estaren representados todos os órganos da cultura, a través de canles asociativas e non a título individual", situación que cualificou de "irregular e insólita".

Galiza como nación
"Galiza é unha realidade nacional, e decidir outra cousa sería unha conta máis no rosario de aldraxes", reflexionou Xusto Beramendi, comentando que o desexo do patronato do Museo do Pobo Galego é que "dunha ou outra maneira o Estatuto recolla que hai unha realidade nacional galega".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: