Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A NOSA TERRA

Afonso Eiré: "É posíbel facer un medio sen subvencións en galego"

Dirixe A Nosa Terra, o semanario de información en galego cunha das historias máis longas. Un medio integrante e fundador da AME xunto a Vieiros, A Peneira, Tempos Novos, O Sil e Galicia-Hoxe.

- 11:33 16/05/2006
Tags:

A que se debe que non haxa máis medios en galego? Pode facerse un medio en galego que funcione sen subvencións?
Se non hai máis medios en galego, é porque Galiza é como é, e cumpre o seu papel dentro dun Estado dirixente que mantén o poder económico, político e cultural. Pero é posíbel facer un medio en galego sen subvencións: aí estivo A Nosa Terra, durante 17 anos. E tampouco repercute na calidade: todos os medios reciben axudas dun xeito ou do outro. Hai pouco foi publicado un estudo en Inglaterra no que se afirmaba que non son os mellores medios nin os máis lidos os que se financian con publicidade.

Cal cre que debería ser a política de subvencións?
Os medios están a recibir axudas, sexa a través do papel ou de xeito indirecto. Por exemplo, a Comunidade de Madrid subvenciona máis os medios locais do seu ámbito do que son subvencionados en Galiza, para canto máis nunha comunidade con lingua de seu! A política de subvencións debería incentivar o uso do galego nas empresas informativas. Non entendo por que nos escandalizamos coas cifras das subvencións ás empresas audiovisuais e de comunicación, cando Citroën ou Pescanova foron salvadas pola Xunta. En resumo, a política de subvencións debería estar regrada, estipulada por unha lei específica, e servir para construír un auténtico entramado empresarial de medios en galego, que sirva aos intereses de Galiza, unha comunidade con lingua propia. Acontece xa en Cataluña e Euscadi, que teñen un tecido mediático potente de seu, nas súas linguas.

Como é o futuro dos medios en galego e da AME?
Sobre o futuro dos medios, e do rumbo da AME , é moi importante que se cree unha asociación, cuns mínimos intereses comúns. A Nosa Terra estivo soa durante moito tempo, e agora é importante que exista esa asociación cun proxecto común, a normalización lingüística, independentemente das ideoloxías, non coma feito cultural, senón coma aposta empresarial. Hai que ter en conta que o capital cultural, e non tanto o tecnolóxico, é o valor engadido que temos neste momento.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: