Máis de 50 millóns de hectáreas arden cada ano en todo o mundo e en Galiza a chegada do verán acostuma a poñer no primeiro plano das preocupación o elevado número de incendios nos nosos bosques. Desde a Axencia Espacial Europea fornecen agora un servizo de seguemento vía satélite dos lumes.
"Este atlas é unha excelente fonte que ofrece unha visión até o de agora imposíbel e que lle permitirá a ecoloxistas e investigadores propoñer novas preguntas sobre o impacto do lume nos ecosistemas naturais", explica o biólogo Matt Fitzpatrick.
Os incendios inflúen significativamente na contaminación atmosférica e contribúen ao efecto invernadoiro e os científicos teñen subliñado a importancia de atender a esta situación. Os promotores deste servizo destacan por exemplo os lumes producidos en Borneo durante o ano 1998, condicionado polos efectos do fenómeno coñecido como El Niño, provocaron unha emisión contaminante á atmósfera equivalente á de Europa ao longo de todo ese ano.
Reparando no mapa de lumes galego e portugués, en Chuza! chaman a atención sobre o alto número de focos de incendio que aparecen xa nesta altura do ano.