Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A COMISARIA DESTACA A META DE DUPLICAR O INVESTIMENTO EN I+D

Hübner gaba a vontade do goberno galego de revisar a aplicación dos fondos europeos

"Hai que facer máis". A comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, destacou este venres durante a súa visita a Galiza que, independentemente do que se avanzara ou se deixase de avanzar, o noso país debe agora mirar cara ao futuro e esforzarse en facer máis e "obter mellor calidade nos investimentos que proveñen dos fondos europeos". Ao tempo, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, laiouse de que "ao que hoxe queremos como obxectivos prioritarios, dedicábaselle menos do 10% en tempo pasado".

- 15:42 02/06/2006
Tags:

"Alégrame moitísimo a intención do goberno de duplicar o investimento no campo da innovación", destacou Danuta Hübner, quen dixo ver "entusiasmo" e "vontade de traballar" no executivo e tamén boa vontade por parte do empresariado en implicárense nese desafío. Ao tempo amosou a súa satisfacción por ver no plan do goberno galego "a necesidade de traballar con velocidade para obter resultados canto antes".

A comisaria subliñou o "importante cambio de estratexia" cara o futuro que se está a desenvolver en Galiza e fixo destaque do protagonismo das 254 rexións europeas a prol dunha Europa "máis competitiva no mundo global sen contribuír dende cada rexión". Hübner saiu satisfeita da súa xuntanza cos representantes das diversas consellarías galegas, gabando que os obxetivos estratéxicos que lle presentaron coinciden coa propia estratexia da Comisión Europea.

Por outro lado, o presidente da Xunta comentou na súa intervención que "no período 2000-2006 do conxunto dos fondos foi dedicado a infraestruturas tecnolóxicas un 0.6%, a tecnoloxía, innovación e sociedade da información o 2.8% e a capital natural e patrimonio e valorización dos recursos naturais menos do 7%, obxetivos todos que o novo goberno considera agora prioritarios. Touriño subliñou especialmente a promesa de incrementar o actual investimento en I+D, do 0.8%, até o 1.5%. "A comunidade galega precisa a plena incorporación á sociedade do coñecemento", indicou.

Así e cara ao reto da converxencia no período 2007-2013, o presidente da Xunta asegurou que en xullo haberá un plan para definir a nova estratexia "en colaboración coa propia comisaria" coa meta de que sexa aprobado e incorporado na axenda da Unión Europea a finais deste ano.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: