Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DO 1 DE XULLO AO 31 DE SETEMBRO

A campaña de extinción contará cunha unidade de elite para incendios de alto risco

O 1 de xullo é a data sinalada pola Consellaría de Medio Rural para por en marcha a campaña de extinción de incendios deste verán. 2.486 axentes forestais, 28 medios aéreos e, como principal novidade, unha unidade de elite para incendios de alto risco. Estes datos supoñen un aumento de máis de 1.400 axentes forestais e de 22 avións e helicópteros respecto a outras épocas do ano. Porén, Medio Rural recoñeceu que respecto ao ano pasado reducíronse en dous o número de helicópteros de coordinación e anunciou a súa decisión de reducir a máis da metade as parroquias galegas que contarán cunha especial vixilancia, co obxectivo de optimizar recursos.

- 15:41 05/06/2006
Tags:

A Consellaría de Medio Rural porá en marcha desde o próximo 1 de xullo e ata o 31 de setembro a campaña de extinción de incendios deste verán. En total, 2486 axentes forestais, 28 medios aéreos e unha unidade de elite para combater incendios de alto risco. Actualmente, 1.400 axentes xa están en activo, a estes haberá que sumarlles os máis de 1.000 axentes contratados para o verán. O número de medios aéreos incrementarase en 20, deste xeito contarase con 14 helicópteros e 14 avións. Porén, Medio Rural recoñeceu que para a campaña deste verán se reduciu o número de helicópteros de coordinación, xa que este 2006 esta a ser "menos complicado" que o 2005 debido ás condicións meteorolóxicas.

Respecto a anos anteriores, a principal novidade está na creación dunha unidade de elite, integrada por 42 persoas, que terán a misión de extinguir os incendios de alto risco que se produzan en Galiza. Este grupo, que terá a súa base de operacións no sur da provincia de Ourense, creouse logo de que o ano pasado os servizos de extinción de incendios tiveran que facer fronte a 51 incendios de máxima alerta, incendios nos que estiveron en risco vidas humanas, inmobles ou instalación como redes eléctricas ou depósitos de auga. É por iso, polo que Medio Rural creou un grupo especializado para actuar en este tipo de incendios estando capacitados parar levar a cabo operación de rescate e actuar en condicións perigosas.

Outra das novidades é a instalación de cámaras termográicas cun radio de actuación de 300 quilómetros cadrados. Estas cámaras son capaces de detectar un incendio dun metro cadrado a unha distancia de 10 quilómetros.

Ata o momento, o sistema co que se traballaba non permitía que a Dirección Xeral de Montes coñecese a existencia dun incendio ao mesmo tempo que os axentes forestais. Así, unha novidade máis deste ano será que os axentes forestais e policiais contarán cun sistema informático para ter información sobre os focos en "tempo real".

O número de parroquias galegas que contarán cunha especial vixilancia nesta materia reducirase a máis da metade. Deste xeito, se ata agora eran 525 as parroquias que contaban cunha maior dotación de axentes forestais e de vixilancia policial, este ano serán 256 en total. Medio Rural xustifica esta redución en que "se trata de optimizar e racionalizar os recursos, xa que só o 11% do territorio galego rexistra o 40% dos incendios".


Ligazóns

0/5 (0 votos)