Na última semana de xuño rematan as comparecencias dos diferentes colectivos e persoeiros convidados a reflexionar sobre o proceso de reforma do Estatuto de Autonomía. Neses días e antes de que partidos sen representación parlamentaria acudan a dar a súa opinión, estarán tamén os anteriores presidentes da Xunta de Galiza. Agora, o actual xefe do executivo galego, Emilio Pérez Touriño, vén de aceptar o desafío co que viña teimando o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, para comparecer nun debate sobre o asunto este mesmo mes.
"Plena e total disposición", prometeu Touriño este mércores no Parlamento, para un debate sobre a reforma do Estatuto de autonomía, ao respecto do cal xa lle trasladou proposta por escrito á presidenta da Cámara. De paso, o presidente da Xunta aproveitou para falar do que na súa opinión é a "revitalización dada ao Parlamento dende o cambio de goberno", comentando ao fío que no que vai de lexislatura respondeu tantas preguntas como as que Manuel Fraga aceptara responder en 16 anos e destacando que compareceu catro veces no pleno parlamentario, actividade non practicada polo anterior presidente. "Señor Feijóo, diga o que queira, pero a práctica das súas señorías era a da mordaza, a da incomparecencia e a do non control: así de claro e sinxelo", reprochoulle Touriño ao voceiro do PPdeG. "Houbo cambio, hai unha nova maioría que respecta o Parlamento e que fai que viva unha etapa de pluralidade", defendeu.
Diferente é a avaliación dos populares, que acusan a Touriño de levar "dez meses como máximo responsábel da Xunta contestando preguntas a oposición, e sempre recorre o pasado". "Sería capaz de non facelo por primeira vez?", pediu Alberte Núñez Feijoo, "tamén vostede Señor Touriño ten pasado pero a Galiza interésalle o futuro". Feijoo laiouse de que deica agora Touriño non aceptase o debate proposto pola oposición e criticou que o presidente "se autopregunta en cada sesión de control: de tres preguntas, unha resposta para a oposición e dúas ao goberno". "Recórdame a aquel vello concurso do 1,2,3: tres preguntas formuladas e dúas respostas acertadas, sería o campión do 1,2,3 responda outra vez". "Agora que xa está zanxado o debate identitario intelixentemente por Méndez Romeu e o momento de aceptar celebrar un Pleno extraordinario para impulsar a reforma estatutaria e axilizar a reforma", comentou o líder do PPdeG en referencia ao comentario do conselleiro de Presidencia, quen nunha entrevista se amosara a prol da definición de Galiza como "nacionalidade histórica".