Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O MUSEO DO POBO ACOLLE HOXE OS ACTOS DE HOMENAXE

Centenario de Lois Tobío, o galego máis universal

Neste 13 de xuño fanse cen anos do nacemento de Lois Tobío, un dos galeguistas históricos da primeira metade do século XX e unha importante figura na incorporación ao galego das grandes obras da literatura en alemán. Tobío faleceu no 2003 deixando atrás unha intensa actividade como político, diplomático, historiador, escritor e traductor. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, traballou de diplomático en Sofía (Bulgaria), no 36 exiliouse en Nova York e viviu en Cuba, México e Uruguai, onde participou activamente co colectivo de exiliados até que no ano 1963 regresa a Madrid, a cidade na que moreu. O Museo do Pobo Galego acolle ás 7 deste serán o acto principal de homenaxe, que contará coa presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; de Isaac Díaz Pardo e da filla de Tobío, Constanza Tobío.

- 09:23 13/06/2006
Tags:

Na homenaxe haberá unha actuación de música tradicional galega a cargo do grupo Tinta Femia e da música búlgara de Irmáns Hristov. Cómpre dicir que Lois Tobío residiu en Bulgaria como secretario da embaixada de España durante a II República. No acto tamén haberá unha lectura de textos seus na que participarán Marga Romero, Heidi Kühn-Bode, Ánxela Abalo e Gustavo Pernas.

Diversas entidades colaboran neste acto organizado pola Consellería de Cultura e Deporte: Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela, IGADI, Seminario de Estudos Galegos, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Instituto de Estudos Miñoranos, Seminario de Estudos terra de Viveiro, Real Academia Galega e os concellos de Santiago, Gondomar e Viveiro.

Lois Tobío naceu en Viveiro en 1936 e figurou entre os fundadores en 1923 do Seminario de Estudos Galegos, do que dirixiu a sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Licenciado en Dereito e con formación na Universidade de Berlín, Tobío participou, xunto con Ricardo Carballo Calero e Alexandre Bóveda, na redacción do Estatuto de Autonomía de 1931. Tras o golpe de estado de Franco, participou activamente na defensa da República e chegou a loitar na batalla do Ebro como tenente de artillería. No exilio ideou a creación do Consello da Galicia, como parte da legalidade republicana.

En canto á súa aportación á literatura, Tobío escribiu As décadas de T.L., un libro de memorias que nos traslada por todo o século XX a través das súas impresións. Traduciu ao galego o Fausto de Goehte, Sonetos a Orfeu e As elexías de Duíno de Rilke e Nai Coraxe e mais os seus fillos de Brecht. Faleceu en Madrid en 2003 e as súas cinzas foron espalladas na ría de Viveiro.


Ligazóns

0/5 (0 votos)