Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
3.800 MILLÓNS EN AXUDAS PARA OS ANOS 2007-2013

A Unión Europea aproba definitivamente o Fondo Europeo da Pesca

Os ministros de Pesca da Unión Europea aprobaron hoxe definitivamente o fondo europeo pesqueiro que financiará os apoios ao sector entre o 2007 e o 2013. O FEP terá unha dotación de 3.800 millóns de euros dos que uns 1.013 irán a parar ao estado español. Entre as medidas que recolle o fondo, destacan as axudas a barcos para o cambio de motor, subvencións aos pescadores de menos de 40 anos para a compra da súa primeira embarcación, melloras no réxime de entrada e saída e os apoios aos investimentos en acuicultura. Pola súa parte, Xose Manuel Lage, portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas, valorou moi positivamente o acordo acadado.

- 15:40 19/06/2006
Tags:

O Consello de Agricultura e Pesca ratificou hoxe o Fondo Europeo da Pesca, que terá unha dotación de 3.800 millóns de euros entre 2007 e 2013, dos cales, un 27 por cento (1013 millóns) irán a parar ao Estado español. Os vintecinco membros da unión deron o visto bo definitivo ao acordo acadado o pasado día 13 polos embaixadores dos países da UE, logo de perto de dous anos de discusión sobre o fondo.

A normativa, que inclúe medidas que poderán ser cofinanciadas con diñeiro dos países comunitarios ou efectuadas con capital público ou privado, costeará axudas aos barcos para o cambio de motor, se non supón incrementar a capacidade da flota: no caso dos barcos de ata 12 metros de eslora, o novo motor deberá ser igual ou menos potente co anterior. Nas embarcación de entre 12 e 24 metros, o motor deberá ter polo menos un 20 por centro menos de potencia e se trata de arrastreiros de máis de 24 metros, o barco ten que estar dentro dun plan de reestruturación e optar por un réxime menos dependente do carburante.

O FEP tamén recolle axudas para que os pescadores de menos de 40 anos poidan mercar a súa primeira embarcación, se proban que traballaron cinco anos no sector, o barco ten menos de 24 metros e entre cinco e 30 anos de idade. A axuda non superará o 15% do costo da compra nin un importe de 50.000 euros.

Tamén se contempla a posibilidade de axudar a armadores e pescadores polo cese de actividade, durante un período de 6 meses, no caso de desastres naturais ou outras circunstancias excepcionais, así como melloras no réxime de entrada-saída de embarcacións. O FEP inclúe ademais apoios ás inversións en acuicultura, que poderán beneficia a empresas de ata 750 empregados ou unha facturación inferior aos 200 millóns de euros.

Valoración positiva dos socialistas galegos
O portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas, Xosé Manuel Lage, destacou que o acordo acadado na UE incidirá "na diversificación da economía pesqueira, incorporando novas actividade ás xa tradicionais, e facendo máis rendíbel a actividade do sector pesqueiro. Segundo Lage, o novo fondo "permitirá a incorporación de mozos e mozas ata 40 anos ao sector, con medidas específicas de apoio, o que contrasta coa destrución de emprego que caracterizou aos anteriores gobernos do PP". Deste xeito, "Galicia consigue que se poida renovar a flota artesanal e a creación dunha reseva de GT´s, reivindicación histórica do sector de baixura" asegurou o portavoz socialista.


0/5 (0 votos)