Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOAÑA HOMENAXEA AS PERSOAS E INSTITUCIÓNS QUE LOITARON POLA LIBERALIZACIÓN DA PONTE

Unha gran festa para celebrar a eliminación da peaxe

A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe de Rande está a organizar unha festa para celebrar a consecución do seu obxectivo logo de tantos anos de protestas, manifestacións e reclamacións. A celebración será o vindeiro sábado 24 de xuño no paseo marítimo de Moaña e nela haberá música, maxia e humor. A festa servirá tamén para homenaxear a todas as persoas, asociacións, deputados, conselleiros, alcaldes, xornalistas, fotógrafos, escritores, asesores, artistas e un longo etcétera que colaboraron nestes últimos anos coa reclamación unánime da supresión da peaxe de Rande.

- 16:21 20/06/2006
Tags:

"As xentes do Morrazo merecemos unha festa, despois de oito anos de reclamacións". Así de claro o teñen os membros da Plataforma cidadá antipeaxe, os cales non se esquecen tampouco do colaboración dos veciños de Vigo, Chapela, Vilaboa ou Pontevedra, "que sempre viñeron a participar nas marchas a pé camiñando entre Moaña e a Ponte de Rande convertendo aquelas manifestacións en históricas".

Así, o próximo sábado, o paseo marítimo de Moaña será o escenario dunha gran festa na que a música e o humor serán os protagonistas. No acto farase entrega de cen galardóns, "pontes de Rande" elaboradas por Sargadelos, a todas aquelas persoas e institucións que loitaron pola supresión da peaxe. Tamén haberá tempo para a proxección dos momentos máis importantes destes oito anos de protestas. Pechará a festa o gaiteiro moañés Xosé Manuel Budiño quen compartirá escenario con diferentes artistas vinculados á loita antipeaxe.


Ligazóns

0/5 (0 votos)