As empresas eléctricas que operan en Galiza, ingresando elevadas cantidades grazas á explotación dos recursos naturais do país, e apenas investindo aquí esa riqueza xerada, deberán asumir compromisos de investimento establecidos en moitas ocasións nos contratos de concesión historicamente incumpridos que, en todo caso, serán revisados. Alén diso, a Xunta estuda o modelo de "taxa verde" que impulsará para os aproveitamentos eléctricos. Así o confirmaban este mércores desde as consellarías de Medio Ambiente e Industria, reafirmando a vontade do bipartito por asegurar que a elevada produción enerxética galega xere beneficios económicos para o país.
"As empresas que chegan a Galiza deben deixar de ver o noso país como un lugar onde viñan explotar recursos para logo marchar con todo", subliñara hai poucos días Fernando Blanco, conselleiro de Innovación. Blanco vén de lembrar as cifras que amosan que o 40% da enerxía producida en Galiza é exportada, e que á vez as empresas pagan fóra os seus impostos, dándose a paradoxal circunstancia de que comunidades como Madrid que apenas produce o 5% da enerxía que consomen, é a máis beneficiada polas empresas do sector. Nese sentido, o conselleiro gabou que o presidente de Fenosa rectifique a súa posición inicial e amose agora vontade de dialogar coa administración galega para corrixir un modelo "inxusto".
No mesmo sentido se pronunciou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, quen indicou que "todos os aproveitamentos de recursos naturais que funcionan en Galiza deberán afrontar fórmulas de actualización que deriven de xeito inevitábel en que Galiza reciba parte deses beneficios". Vázquez insistiu en que a revisión e actualización impulsada polo bipartito incluirá todo tipo de aproveitamento de recursos naturais galegos, "sexan de auga, vento ou mar". A Xunta estuda xa diferentes modelos aplicados por outras administracións para forzar lexislativamente que as concesións de aproveitamente enerxético deixen aquí unha parte significativa da súa riqueza.