Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A TERCEIRA MULLER Á QUE SE LLE DEDICA DENDE 1963

María Mariño será a homenaxeada no Día das Letras do 2007

Por terceira vez en 44 anos será unha muller a protagonista do Día das Letras Galegas. A RAG acordou este venres dedicarlle a homenaxe do 2007 á poeta María Mariño Carou, nacida en Noia no 1907 e finada no Caurel no 1967. A Academia considera que é "unha figura que aínda hoxe é preciso descubrir, pois as circunstancias sociais e persoais nas que viviu, fan que a súa poesía sexa de difícil acceso para o gran público". Lembramos que María Mariño foi a aposta de Vieiros o ano pasado cando no especial das Letras prognosticabamos os posíbeis candidatos para as homenaxes dos vindeiros anos.

- 21:05 09/07/2006
Tags:

De procedencia humilde, o seu paso pola escola foi breve pois xa desde nova tivo que poñerse a traballar para axudar á feble economía familiar. As difíciles circunstancias económicas e o empezo da guerra civil ocasionaron o traslado da familia a Boiro, onde María Mariño tomou contacto coa literatura escrita. Despois de pasar un tempo no país vasco, regresa a Boiro, onde coñece o que sería o seu home, Roberto Posse Carballido, mestre de profesión, con quen casa en 1939. En 1947 ela e o seu home instálanse definitivamente en Parada do Courel.

No ano 1957 iníciase como escritora, e en 1963 a editorial Celta, de Lugo, edita o seu primeiro e único libro publicado en vida da poeta, Palabra no tempo, prologado por Ramón Otero Pedrayo, con quen a autora tivo unha intensa relación epistolar, e coa colaboración plástica do artista Reimundo Patiño.

Na súa vida do Courel, María Mariño tivo relación con figuras tan importantes da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Sixto Seco, Augusto Assía, etc., todos engaiolados pola irrupción no mundo das letras dunha voz desacougante e insólita.

Xa enferma, e nun último esforzo, comeza a escribir de novo e compón a totalidade dos poemas que conformarán a súa obra póstuma, Verba que comeza, onde a poeta amosa a súa angustia existencial ante a presenza da morte. O libro remátase en marzo do sesenta e sete e a escritora morre en maio a causa dunha leucemia.

A súa obra literaria está marcada polas circunstancias vitais e sociais que a rodearon, a condición de muller e a pertenza a unha clase humilde fixeron que o acceso á cultura fose francamente difícil. A súa poesía inspírase na tradición popular onde non é allea a inevitábel presenza rosaliana, e enriquécese coa intimidade profunda dunha muller madura.


Ligazóns

4/5 (10 votos)