Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REACCIÓNS POLÍTICAS POLA VAGA DE LUMES

O BNG fala de "terrorismo ambiental" e di que a extinción é agora "máis profesional"

Os nacionalistas galegos opinan que a vaga de incendios dos últimos días non ten que ver con défice ningún dos dispositivos de extinción, "que son semellantes a campañas anteriores e por riba máis profesionalizados e con máis medios". Nesa liña, o coordenador da executiva do Bloque Nacionalista Galegom, Francisco Jorquera, reflexionou que o problema ten dobre causa: "a situación estrutural do noso medio rural e unha actividade criminal que hai que combatir con medidas exemplarizantes".

- 13:24 08/08/2006
Tags:

"Non hai dispositivo antiincendios que sexa suficiente ante circunstancias excepcionais como as deste ano", indicou Jorquera, chamando a atención sobre "o novo modus operandi dos incendiarios, actuando de maneira coordenada en distintos puntos e aproveitando as citadas condicións meteorolóxicas, e provocando os lumes perto dos núcleos de poboación, para que os esforzos de extincións se centren nestes, distraendo recursos para combatir o lume no monte".

Foi nese sentido que o coordenador da executiva do BNG afirmou que a estratexia que comezou a debuxar o goberno galego é a correcta: "estanse atacando as causas estruturais do lume: o abandono do monte, a desertización do medio rural ou as plantacións de árbores en antigas terras de cultivo, entre outros". "Logo de 15 anos de políticas que incidían na consideración da actividade agraria como marxinal, Galiza conta cun goberno que está intentando combater o despoboamento do medio rural", defendeu, subliñando que estas políticas non darán resultado máis que a medio prazo.

Por outro lado, Jorquera cualificou de "terrorismo ambiental" a situación actual e criticou a actitude do Partido Popular diante desta crise comentando que "é como se ante un atentado terrorista se culpase aos responsábeis de combatilo e non aos causantes" e afirmando que "durante os 16 anos de goberno do PP non se fixo unha política que evitase o abandono do monte e o monocultivo do eucalipto, causas estruturais dos incendios". De paso, indicou que "non é de recibo que o líder da oposición a nivel de Estado, unha persoa que aspira a ser presidente do goberno español, veña facer declaracións oportunistas, na festa do Albariño, para sacar réditos políticos desta traxedia".


0/5 (0 votos)