Con administracións e empresas centradas en destacar o erro humano como clave do accidente de tren acontecido esta semana na liña Galiza-Euscadi, na altura de Palencia, quedan no segundo plano outras preocupacións e claves fundamentais que explican o elevado grao de precarización e défices que sofre o sector ferroviario. Xosé Antonio Fernández Dopico, voceiro do Sindicato Ferroviario na Coruña, explícanos que a Galiza "chega o que desbotan noutros lugares", e quéixase da falta de aposta polo tren como medio de transporte de futuro.
Estase culpando implicitamente ao maquinista, non é isto un reduccionismo, alén do exceso de velocidade haberá que considerar outros factores?
Efectivamente, estase insistindo nunha parte do problema que non o é todo. Parece que a investigación atopou que o exceso de velocidade si que se produciu, a caixa negra así o explicaría, pero haberá que falar doutras cousas. Comezando polo material obsoleto do que é exemplo ese tren, bastante caduco. E haberá que falar ademais do estado das infraestruturas, das vías, que moitas veces non están ao día.
Xa que logo, esa antigüidade do tren accidentado é un elemento a ter en conta?
Claro, está sucedendo que nos atopamos con trens de moitos anos de antigüidade que se van mantendo no tempo, máis aló do razoábel, e adiando a chegada de material novo, cun traballo importante dos talleres, visto que ás veces xa nin sequera hai pezas para trens coma eses. Son vehículos transformados, que pasaron polo taller para ir manténdoos con moito esforzo e prolongándolles a duración máis aló do imaxinado, trens con medio século de vida ás veces.
Traballadores de Adif quéixanse en ocasións de défice de personal e medios para atender as tarefas de mantemento das vías?
Si, é unha causa de problemas. O personal vénse reducindo a pasos acelerados. Incentívanse as xubilacións da xente, pero todos eses traballadores que van marchando non son substituídos. Estínguense postos, os cadros son cada vez máis pequenos, hai que reconverter a xente da que está dentro a outras funcións. Á fin estamos sempre en mínimos.
E agora que se están subcontratando servizos, se hai queixas en Adif, é posible que os medios das subcontratas non sexan os mellores...?
É posíbel, porque xa se están producindo subcontratas de subcontratas. Ao cabo podemos chegar a unha situación onde falten profesionais especializados. Non podo opinar polo miúdo porque non coñezo o detalle desa situación, pero é probable, isto non é bo para a necesidade de profesionalización que á fin é un factor que lle dá garantías ao traballo.
Seica o tema dos trens vellos é queixa que vén de lonxe entre o sector ferroviario galego, non?
Cara a aquí vén o que non vale noutros sitios. Os vehículos máis vellos e o material máis obsoleto. Somos os últimos da cola á hora de recibir material novo. Só na liña entre A Coruña e Vigo se ten realizado algún esforzo, e no resto sufrimos o que xa lle deron de lado noutras comunidades.
E por que ese trato discriminatorio con Galiza?
Isto non é de agora, senón que é unha situación herdada. Desde sempre, nunca se apostou polo ferrocarril cara a aquí. E a mesma fórmula de maltrato xa vén de lonxe e sufríase em tempos de Franco. Din que noutros sitios hai máis viaxeiros, que se inviste porque se ingresa máis. Pero na práctica está claro que se aquí se lle dá de lado ao tren, tampouco se fai nada por incrementar eses ingresos. Se os trens son malos e por riba circulan con horarios bastante malos, é lóxico que a xente non opte por eles e se resigne a outras formas de transporte.
Pero mesmo durante anos a liña A Coruña-Vigo que é dunha alta rendabilidade, non cre que sorprende pola desatención recibida?
Si, aí a miúdo fixéronse máis esforzos, e é lóxico que se trate de meter aí bos trens, cando hai un movemento de pasaxeiros significativo, debido sobre todo aos estudantes que se moven nesa liña habitualmente. Pero así e todo, nin sequera temos dobre vía. E tampouco houbo un movemento a nivel político nin social forte para tratar de cambiar a situación. Hai que darse conta de como estaba funcionando isto, cos trens restrinxidos a ter que agardar uns polos outros, a establecer horarios con tempos abondo amplos para que circulen todos... Non foi até o de agora que se está despregando á fin a dobre vía para circular por unha liña tan rendíble.
Fálase moito de AVE, de alta velocidade, pero pouco do que pasa coas liñas convencionais, non pensa vostede que podiamos aspirar por exemplo a ter unha rede de trens de cercanías eficiente?
Claro, simplemente apostando por xestionar mellor o que xa temos e establecer outras prioridades. E pensemos en que alén do que é estritamente a alta velocidade, con velocidades por riba dos 200 km/h, temos a velocidade alta, onde xa falamos de velocidades de até 160 km/h. Un paso como o despregue da dobre vía, por exemplo, cun custo moito máis baixo dos que se manexan para o AVE, implicaría cambios espectaculares. Pensemos se cadra na liña A Coruña-Ourense: Se houbese unha vía dobre, canto se gañaría na viaxe? A metade do tempo, ou máis. Iso contribuiría ao impulso de liñas con moito potencial, no canto de ir destruíndo o sector.