Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE ADEGA

Constrúen unha urbanización en Valdoviño en terreos da Rede Natura

"As leis deben ser iguais para todos", avisan desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, laiándose de que unha promotora inmobiliaria semelle ir triunfar na súa intención de levantar unha urbanización a pé da praia da Frouxeira, en Valdoviño, en terreos incluídos na Rede Natura de espazos protexidos. Os ecoloxistas insisten en acelerar os mecanismos necesarios para que deixen de producirse este tipo de agresións medioambientais nas costas galegas.

- 07:02 30/08/2006
Tags:

"A Lei de Protección da Paisaxe Galega, que verá a luz en 2007 e o Plano Reitor de Usos da Costa anunciado para este ano, poden chegar tarde se non se declara unha moratoria urbanística xa", advirten desde a delegación Trasancos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. O colectivo insiste en que hai que evitar que noutras zonas da costa "para onde aínda non hai protección legal aínda que teñan un alto valor paisaxístico" se poidan levar a cabo actuacións que "deteriorarán de xeito irreversíbel o litoral".

De xeito concreto, a denuncia de Adega sinala desta volta a obra que se estaría facendo en terreos incluídos no Lugar de Interese Comunitario da Costa Ártabra, incluído na Rede Natura 2000, en hábitats considerados de atención prioritaria pola Unión Europea. Expoñen por iso o seu "rexeitamento á urbanización que a promotora Construccións Rías Galegas está construíndo na praia da Frouxeira, no concello de Valdoviño", complexo residencial "afectado pola Lei de Costas e situado a poucos metros da dobre muralla do castro da Frouxeira".

Adega pide por isto que se proceda "á súa inmediata paralización, tamén por cuestións de xustiza social". "Sería inxusto que nun espazo protexido pola Directiva de Hábitats da UE, pola Lei de Costas do Estado e pola Lei do Patrimonio Cultural de Galiza, alén das normas subsidiarias provinciais, no que por razóns obvias existen importantes restriccións ás construccións, un promotor inmobiliario poidera facer o que non poden os propios veciños", expoñen os ecoloxistas.


0/5 (0 votos)