Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACUSAN Á DIRECCIÓN DO PPdeG DE SEREN OS RESPONSÁBEIS POLÍTICOS DO BOICOT

Socialistas e nacionalistas cargan contra a "trama" dos alcaldes populares

Logo de que desde a dirección do PpdeG apoiasen oficialmente a carta enviada pola dirección coruñesa do partido aos alcaldes para ralentizar a contratación de brigadas antiincendios, o secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, advertiulle ao líder do partido, Alberte Núñez Feijoo, que "esas instrucións para boicotear o dispositivo contra incendios sitúano como un político sen escrúpulos". No mesmo sentido, desde o BNG, Carlos Aymerich acusou aos populares de seren responsábeis políticos da vaga de lumes do mes pasado obstaculizando a loita "mentres os demais traballaban na extinción".

- 18:14 13/09/2006
Tags:

"A súa actuación é un gravísimo atentado contra os intereses de Galicia. Os galegos nunca lle perdoarán esta vileza", advertiulle Ricardo Varela ao presidente do PpdeG. Segundo o socialista, Núñez Feijoo "foi colaborador por obstrución coa extensión dos lumes en Galiza e organizou desde o seu partido unha trama para dificultar o traballo de extinción, limitando o dispositivo para combater os incendios".

O secretario de organización do PSdeG criticou que Feijoo "posou para a foto simulando apagar un lume mentres coa outra man acoitelaba polas costas ao dispositivo para combater os incendios". Varela laoiuse de que con esta actitude os populares demostren ser "capaces de calquera cousa con tal de danar o goberno galego", e pediulle a Núñez Feijoo que "deixe de esconderse e dea a cara inmediatamente para explicarlle aos galegos as súas actuacións durante a crise dos incendios".

Tamén moi belixerante fronte aos populares foi o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, quen comentou que cando da xuntanza da deputación permanente a finais de xullo os populares advertían dos riscos incendiarios para o mes de agosto que entraba, se cadra "non era que tivesen unha bola de cristal, senón que xa eles estaban traballando para que as cousas foran mal nese tempo". Aymerich amosouse decepcionado porque o PP na súa opinión evidenciaría "que lle importa ben pouco que o país se queime con tal de que eles poidan sacar beneficios políticos".


Ligazóns

0/5 (0 votos)