Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS DITAS CELEBRACIÓNS REUNIRÁN A FAMILIARES, VECIÑOS, POLÍTICOS E ARTISTAS

Outubro vén cheo de homenaxes aos represaliados durante o franquismo

Fin de semana para viaxar 70 anos atrás. Van ser varias homenaxes, actos sinxelos e reunións populares as que diversos colectivos e asociacións celebren en lembranza dos que foron represaliados no 36. Os que foran asasinados nos camos de concentración de Camposancos e San Rosendo van ser rememorados con flores e verbas que pronunciarán familirares das vítimas e representantes do Goberno, entre outros. Por toda a xeografía galega vanse desenvolver actos semellantes durante todo o mes de outubro.

- 14:46 05/10/2006
Tags:

O Concello da Guarda conmemorará mañá venres o XXI aniversario da fosa común de Sestás para render homenaxe ás persoas soterradas alí. O acto está organizado por Comisións Obreiras e pola Fundación 10 de Marzo e as actividades comenzarán ás nove e media da mañá cunha recepción no Concello dos invitados institucionais, logo da que visitarán as antigas instalacións do campo de concentración de Camposancos.

Alí realizarase unha ofrenda floral na lápida de Camilo Carrero Lorenzo, sindicalista e concelleiro socialista na corporación de 1931 que foi fusilado no 1936. Esta ofrenda repetirase nos túmulos do último alcalde republicano da Guarda, Brasilino Álvarez Sobrino, do dirixente da CNT, Manuel Noya Gil e do fundador do sindicato mariñeiro de Nueva Marina, Antonio Domínguez Pacheco, entre outros.

Logo, os asistentes poderán acudir a unha conferencia a cargo do historiador José Ballesta e pechará os actos o director da Fundación 10 de marzo, Víctor Santidrian. Está prevista a asistencia do conselleiro de Educación e Ciencia do Principado de Asturias, José Luis Iglesias Riopedre; da Conselleira de Cultura , Ángela Bugallo, do alcalde da Guarda, José Luis Alonso Riego e do secretario xeral de CC OO de Galiza, Xan María Castro Paz, entre outros.

Nós-UP lembra as vítimas no Día da Galiza Combatente
No día seguinte, Nós-Unidade Popular tamén homenaxerará as vítimas da represión franquista coincidindo co Día da Galiza Combatente. Para iso, convocan unha reunión no alto do Furriolo, en Celanova, onde foron fusiladas ducias de presas e presos procedentes do campo de concentración do mosteiro de San Rosendo de Celanova. Falarán o membro da Dirección Nacional de NÓS-Unidade Popular, Carlos Morais,o membro de BRIGA Diego Bernal, a integrante da Comisión da Memoria do 36 en Vigo Conchita Nogueira, un representante da Asociación Cultural Arraianos e o membro do Comité Galego Bolivariano Lois Pérez Leira.

Logo realizarán unha ofrenda floral no monumento ás vítimas do franquismo seguido dun Recital poético que contará coa presenza de Igor Lugris, Cruz Martínez, Rosanegra e Ramiro Vidal Alvarinho, para iren logo xantar. A organziación porá autobuses ao servizo dos asistentes que partirán de Ferrol, da Coruña, de Compostela, de Pontevedra, de Vigo e de Ponteareas. As pessoas interesadas poderán adquirir o tique na Fundación Artábria de Ferrol, no Centro Social Henriqueta Outeiro de Compotela, no Revira de Pontevedra, ou na Baiuca Vermelha de Ponteareas, así como no Local dos arxentinos no exterior de Vigo.

Continúan os recordos
Para a próxima fin de semana, a Assembleia da Mocidade Independentista (AMI) dedicará o Día da Galiza Combatente "a todas aquelas galegas e galegos que, despois do franquismo, tiveron pagado co cárcere o seu compromiso com a nossa terra", afirman. Celebrarán un acto central diante da antiga prisión da Coruña o domingo día 15 ás doce e media da mañá.

Pola súa banda, a Asociación Cultural Eira Vella está a desenvolver en Betanzos unha serie de actividades "para a recuperación da memoria histórica na comarca dentro do Ano da Memoria". Viron A lingua das bolboretas, así como os filmes A Sombra Negra, da CNT-Galiza, e Aillados, ademais de asistiren a unha charla-coloquio a cargo de Suso Torres e Alfredo Erias.

Este xoves celébrase a conferencia "A galiza do 36" que impartirá Eliseo Fernández e un representante de Memoria histórica da Coruña. O día once falarán os veciños e no 21 os que queiran poderán realizar un roteiro por lugares sinalados de Betanzos na represión do 36.


0/5 (0 votos)