Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
E SUSANA SEIVANE ESTREOU AS FESTAS COMO PREGOEIRA

Os Montes de Lugo volven ao San Froilán

O tradicional Domingo das Mozas, que se celebra dentro das festas do San Froilán, acollerá unha homenaxe a Os Montes de Lugo nun acto organizado por Ouvirmos e que contará coa presenza de membros da formación musical como Antón Corral así como co autor da investigación feita ao conxunto lugués, Oscar Ibáñez.

- 11:25 06/10/2006
Tags:

Desde Ouvirmos explican que os considerados gaiteiros de Lugo amenizaron en moitas ocasións as festas patronais da súa cidade, igual que tantos outros da provincia toda que se achegaban para que o San Froilán sonase a gaita durante todo o día. Neste sentido, desde a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) tamén apoian que os músicos tradicionais volvan á rúa, xa que non ven con bos ollos que bandas de estética marcial desfilen polas rúas da cidade no canto dos gaiteiros de noso. Por iso, desde a AGG solicitan á corporación luguesa que o Domingo das Mozas volva ser o punto de encontro "dos dignos músicos galegos", din.

En canto á homenaxe a Os Montes, esta celebrarase ás doce da mañá na Carpa da Deputación, sita na Praza da Soidade de Lugo, e nela ntervirán membros históricos da formación coma o gaiteiro e artesán Antón Corral, mestre de Carlos Núñez ou Anxo Pintos. O acto contará tamén co autor da investigación que acompaña ao CD editado por Ouvirmos e gaiteiro, Oscar Ibáñez.

E é que ademais de polbo, feiras de gando que antes duraban até un mes e as rúas ateigadas de xente, as festas do San Froilán sempre contaron cos mellores gaiteiros da provincia. Nesta edición, ademais de gaiteira tiveron pregoeira, xa que Susana Seivane, con raíces luguesas, estreou os festexos deste ano. Por tela escollido, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) dálle os seus mellores parabéns ao Concello, xa que o feito de ter invitado a esta artista e compositora galega outorga, ao seu ver, a modernidade que lle acae ben ás festas sen ter que botar man de outras manifestacións musicais tan pouco propias, afirman.

Malia recibiren unha homenaxe este domingo, Os Montes contaron tamén coa gravación dun CD con temas inéditos da formación a partir das fitas magnetofónicas dos seus Ensaios e Concursos. Ademais, a cita rematará coa proxeción dun audiovisual con imaxes de gaiteiros galegos de principios de século ademais de cunha pequena foliada, na que se agarda a participación dos Montes.


Ligazóns

0/5 (0 votos)