"Recordemos que o texto que chegou de Andalucía ao Congreso incorporou case un cento de artigos copiados do Estatuto catalán e non quedou ningún". Sublíñao Ángel Acebes, secretario xeral do PP, en entrevista concedida ao diario ABC. Deixa así mandado para os procesos de negociación estatutaria en curso, avisando unha vez máis que a dirección do partido controla estreitamente o que fan os seus líderes autonómicos. Acebes, que xa cargara contra o líder do PPC, Josep Piqué, cando este insinuara que despois do pacto PSOE-CiU se abría a posibilidade de que os populares entrasen ao debate en Cataluña, á pregunta de se aceptarán "ese tipo de referencias nacionalistas noutros textos como o galego", en referencia ao acordo andaluz, reafírmase en que o PP "non considera necesarias as reformas" e avisa que combaterán "as que van contra a unidade de España".