Preámbulo, sistema de financiamento, investimentos do Estado e lingua. Son os catro puntos principais que propón o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para a xuntanza que este mércores ten co presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo. Mentres, Feijoo chega á reunión avisando de que Touriño "está atado" polos socios de goberno, e acusando a socialistas e nacionalistas de querer desviar o debate. De xeito paralelo, no relatorio estatutario os grupos de PSdeG e BNG decidiron comezar a redacción do texto polo preámbulo, malia a oposición do PP.
A Presidencia da Xunta avanzaba este martes a intención de que no encontro de Emilio Pérez Touriño co representante do PPdeG se traten "os catro puntos fundamentais nos que é preciso chegar a acordo: o preámbulo; o sistema de financiamento, que debe estar baseado na autonomía financeira, pero garantindo a suficiencia de recursos mediante mecanismos de compensación, os investimentos do Estado en Galiza, que permitan finalizar as grandes obras pendentes e, a lingua, estabelecendo os dereitos e deberes que deben ter os falantes dos idiomas cooficiais".
Touriño resume así os argumentos debullados xa nos últimos días, como a necesidade de "consenso e encontro entre as forzas políticas parlamentaria" por diante de calquera "tentación partidaria", a aspiración do "máximo de competencias e dereitos". Ademais, subliña que Galiza debe "manter o estatus que ten no contexto do Estado autonómico actualmente en proceso de reformas".
Feijoo destaca o financiamento como "clave da reforma"
"Vou á xuntanza con Touriño na busca de acordos e avances, como partido maioritario en Galiza por decisión dos galegos e coa responsabilidade de ser o único necesario para sacar adiante a reforma do Estatuto, ben pactando co PSOE ou co BNG". Explicitaba deste xeito o seu desafío o presidente do PPdeG, aproveitando a súa conferencia deste martes no Club Financeiro de Vigo, baixo o título A reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia: galeguismo constitucional.
Segundo Núñez Feijoo, o seu partido considera que o financiamento "é o mais importante da reforma" e o único apartado que explicará que o Estatuto sexa ou non útil para os galegos. "Un financiamento axeitado pode garantir que Galiza se equipare á media de renda española e que un galego teña igual media de ingresos que un madrileño ou un catalán", dixo. Nese sentido, dixo non ver bos agoiros se "Touriño e o PSOE se van limitar aos Estatutos de Cataluña e Andalucía" en materia de investimentos do Estado. Feijoo opinou que PSdeG e BNG "queren desviar a atención da reforma cara ao preámbulo".
Rego di que Feijoo só atende á estratexia do PP en Madrid
"Feijoo leva poñendo desculpas varias para apoiar a súa manobra dilatoria da reforma desde que está á fronte do PPdeG", criticou Ismael Rego, voceiro parlamentario do PSdeG. Rego opinou que o único obxectivo do líder do PP "é darlle cobertura ás posicións estratéxicas do PP de Madrid".
"Segue sendo unha incógnita o que pensa do Estatuto en relación coa mellora do autogoberno, os dereitos de cidadanía, o financiamento e o déficit estrutural, o reforzamento da nosa lingua e da nosa cultura ou a nosa definición identitaria", laiouse o voceiro socialista. "Só desde a frivolidade máis absoluta se pode acudir á xuntanza co presidente da Xunta con posicionamentos e condicionantes desta índole", insistiu.
Aymerich subliña que a redacción comezará polo preámbulo
"Parece que ao PP, cando chega a hora da verdade, empezan a tremerlle as pernas", comentou Carlos Aymerich, voceiro do grupo parlamentario do BNG. Dixo Aymerich que aínda ten a "esperanza" de que os populares galegos pensen en "recoñecer que Galiza é unha nación", logo do acordo conseguido para Andalucía.
Ao respecto, lamentou que o PP se negase a iniciar a elaboración do texto polo apartado do preámbulo e avanzou que socialistas e nacionalistas decidiron que comezaran por preámbulo e título preliminar. "Agardo que o PPdeG non comece a botarse para fóra, advertiu. Ademais, na opinión de Aymerich "aínda é posíbel que o texto se lle envíe á Cámara antes de decembro".