Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DANLLE A ALTA AOS MARIÑEIROS INTOXICADOS

Fomento move o 'Ostedijk' pola costa sen decisión clara sobre o que facer

A última hora trae nova dirección do 'Ostedijk' cara á área costeira fronte á vila de Viveiro. Segundo a información proporcionada polo gabinete de crise, a intención é buscar a zona máis protexida, segundo o prognóstico meteorolóxico, coa fin de realizar calquera acción necesaria sobre o buque. A última idea manexada sería a de regar o barco para arrefriar a carga.

- 07:45 19/02/2007
Tags:

O gabinete de crise afirmou tamén que se buscou garantir que a dirección do vento garanta en todo momento que calquera escape de gas procedente do barco vaia sempre cara a mar de fóra e nunca en dirección a terra. Para este luns avanzan a chegada de máis técnicos, desta volta da empresa norueguesa fabricante do produto que leva o buque, co obxectivo de aconsellar sobre a forma de tratar a carga.

Do perigo das emanacións deu exemplo este domingo a intoxicación de catro tripulantes, que tiveron que ser trasladados con urxencia ao Hospital Juan Canalejo da Coruña. Os mariños sentiran malestar acompañado de vómitos e irritación nos ollos. Despois de seren atendidos, a última hora da tarde xa lles deran a alta. No 'Ostedijk' seguen aínda outros oito tripulantes.

Adega propuña levar o barco á ría de Ares
Na altura do domingo, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, analizaban que o atraque do barco no porto da Coruña era desaconsellábel pola proximidade das vivendas. Por isto, indicaban que a mellor opción probablemente sería fondealo na ría de Ares, "a máis grande da zona e por tanto a que ofrece máis distancia de seguridade".

Do mesmo xeito, consideraban posíbel a opción de levalo ao porto exterior de Ferrol. "Sempre e cando exista un plan para a extinción da reacción química e desprazamento de unidades móbiles de control do ar atmosférico para a prevención de posíbel afectación á poboación", puntualizaban.

Segundo Luís Díaz Cabanela, vogal de saúde ambiental de Adega, o cargamento transportado, abono NPK 15 15 15m "non é moi prexudicial para o medio ambiente", pero si ten capacidade de producir a emanación de gases tóxicos. Na súa opinión, a mellor opción sería a utilización dunha "lanza de auga autopropulsada" que segundo explica "penetra na masa de abono até o foco da descomposición".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: