O cargueiro holandés 'Ostedijk', situado a 13 millas ao nordeste da ría de Viveiro, estivo a recibir dende luns á tarde chorros de auga no exterior da bodega afectada pola descomposición, co fin de frear o proceso. De momento non houbo resultados positivos. Ademais, o capitán do barco foi evacuado ao Hospital da Costa cos mesmos síntomas de irritación doutros catro tripulantes. Por outra parte, o colectivo Greenpeace opina que o ocultamento de información pode agochar unha situación máis grave da oficialmente recoñecida
A directora xeral da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo (Sasemar), Pilar Tejo, recoñeceu que o intento de arrefriamento non estaba a ter "ningún resultado apreciábel" pero confiou en que "a física" axude a reducir a temperatura do fertilizante.
Pola súa parte, Greenpeace amosou a súa preocupación polo feito de que a carga do 'Ostedijk' estea a sufrir un proceso de combustión e non unha simple fermentación. Se se confirmasen as sospeitas dos ecoloxistas, a extinción podería ser moito máis dificultosa do previsto e durar mesmo varias semanas. A estrutura do barco tamén estaría en risco, e os gases xurdidos da combustión resultarían moito máis perigosos.
Greenpeace critica o ocultamento de información
O colectivo Greenpeace opina que o ocultamento de información pode agochar unha situación máis grave da oficialmente recoñecida para o Ostedijk. A responsábel de tóxicos do grupo ecoloxista, Sara del Río, explicoulle a Vieiros que sería necesario que o executivo explicase con exactitude os datos cos que argumenta que a reacción producida no interior no buque é de "fermentación" no canto de "combustión". A experta de Greenpeace advirte de que no caso de que se produza unha combustión as consecuencias podería ser máis perigosas.
"Débese descartar coa máxima urxencia esa posibilidade", indica Sara del Río. Ao respecto recorda tamén que as iniciativas a despregar nun caso ou noutro son diferentes e que as medidas para afrontar a posíbel fermentación poden ser "contraproducentes" se o que realmente acontece é unha combustión.
Greenpeace solicita ademais que se informe de xeito concreto sobre o tipo de sustancia. Ao respecto da declaración oficial de que se trata do fertilizante NPK 151515C, Del Río opina que se debera especificar cal foi a empresa que o fabricou e detallar a composición máis específica, ademais de definir claramente se algún outro tipo de material forma parte da carga do barco.