Os ministros de Educación da UE xuntáronse esta semana para analizaren as propostas da presidencia de quenda alemá sobre a situación dos escolares europeos. O reforzo da etapa de preescolar e a elaboración dun libro de Historia Europea común para todos os estados membros foron os dous temas máis salientábeis.
Os escolares europeos poderían contar cun libro de Historia común
Os ministros de Educación da UE mantiveron unha xuntanza informal de dous días para analizaren a situación da formación dos estudantes europeos, especialmente na etapa de preescolar. O documento base de discusión, elaborado pola presidencia alemá de quenda da Unión, incide na importancia de identificar posíbeis "debilidades" nesta idade, etapa "de grandes oportunidades" na formación dos individuos.
Ademais, no consello que tivo lugar en Heidelberg (Alemaña) durante o xoves e o venres da semana pasada, a ministra alemá do ramo, Annette Schavan, propuxo a elaboración dun libro de texto de Historia Europea, común para todos os estados membros. A iniciativa estaría baseada noutra similar, elaborada polos gobernos francés e xermano. Dende hai xa un ano, estes comparten un libro de Historia Franco-Alemán, no cal dous historiadores -un de cada país- aportan as súas respectivas visións na redacción dos diferentes temas.
Resaltar valores comúns
Segundo Schavan, este exemplo podería servir como modelo do novo proxecto, un libro de historia común para os estudantes dos 27 Estados da UE, co obxectivo "de resaltar os valores comúns europeos". "Non se trata de reescribir a historia", salientou o voceiro do goberno alemán, Rainer Rudolph, "non queremos quitar nada que non nos guste aos alemáns".
Porén, a iniciativa foi recibida con certo escepticismo por algunhas delegacións como a polaca e a holandesa. "No creemos nesa posibilidade", manifestou o ministro polaco, o euroescéptico Roman Gyertich, que pola contra estaría disposto a apoiar a creación dun texto semellante xermano-polaco.