Ao longo do curso académico, rapazas e rapaces que estudan o ESO achegáronse a Galicia de moitas maneiras: a través de libros, de música, da fala sentida nas aulas e fóra delas, por visitas a lugares e institucións relacionadas con Galicia, e coa viaxe que fixeron a terras galegas. Polo que din, todas e todos teñen claro que coñeceron outro país, outra realidade da que pouco ou nada sabían. O que coñeceron, é diferente do que esperaban? Por Lito Caramés.
Aproximadamente un cento de mozas e mozos estudantes de institutos de ensino secundario da provincia de Barcelona cursaron este ano créditos de Cultura e Lingua Galegas, de acordo co convenio asinado pola Xunta de Galicia e a Generalitat de Catalunya e dentro do proxecto Galauda que coordina a profesora Sabela Labraña, da Universidade de Barcelona. Estes créditos son a primeira aproximación desta mocidade a Galicia, á súa lingua e personalidade.
Dentro da programación dos créditos, viron pegadas galegas na capital catalá. Pasaron por Sargadelos, entraron nas aulas da Universitat de Barcelona onde se estuda Filoloxía Galega e estiveron no Centro Galego. Segundo as súas opinións coñeceron fasquías dunha Galicia non-tópica. Algúns tamén foron á Universitat Autònoma de Barcelona á entrega dos premios Riscos, convocados polo lectorado de galego nesa institución. Aí oíron música e contemplaron ao galego como unha lingua que se senta nas mesmas cadeiras e na mesma condición que o francés. Alí, o músico Óscar Fernández, cunha zanfona no colo, díxolles: "unha gaita, unha muiñeira e Fraga non son Galicia". E media ducia recibiron galardóns á súa creatividade en galego.
Logo fixeron a viaxe a Galicia. Para a maioría foi o primeiro contacto coas terras e as xentes galegas. "Moita xente non nos falaba en galego", comentario xeneralizado. Ou, "Yo también te hablo castellano", precisoulles un mozo ao que se dirixían no pouco galego que sabían. Por contra, sorprendíalles moito que nos institutos cataláns se estude galego. Nos institutos que visitaron en Galicia, souberon de rapazadas que tocan a gaita, falan galego e teñen ganas de achegarse á lingua catalá. No programa de radio que Xurxo Souto fixo o día 23 de abril desde os locais do Centro Galego de Barcelona –ao saber destes estudos de galego nos IES e máis na universidade– ceibou unha das súas repichocas retranqueiras: "se queres falar galego, vén a Cataluña".
O galego e os seus falantes precisamos da autoestima. Nestes días que as fiestras invocan airexas de tempos novos e outra realidade vén ás portelas, cómpre que as administracións e mais todos nós traballemos por manter os nosos patrimonios. Todos os patrimonios: xeográficos, lingüísticos, etnográficos… son nosos, son parte de nós.
Nas valoracións que a rapazada fai dos créditos de Cultura e Lingua Galegas e dos achegamentos á realidade galega, sempre xorde a valoración positiva do coñecemento das terras fisterrás, que conectaron con outra cultura de seu, manifestada en ritmos, ollares, verbas, sabores, paisaxes; e que captaron (desta cultura) señas diferentes do que esperaban, máis ricas e máis aló dos tópicos. Anna, porén, escribiu: "é patético non coñecer nada dunha cultura que está no mesmo estado ca miña". Feridora denuncia.
Urxe artellar o estudo das catro linguas oficiais no ensino obrigatorio e en todas as comunidades autónomas. O proxecto Galauda e estes cursiños nos IES de Cataluña son moi positivos para o contacto mutuo das diversas realidades. Estas experiencias son pedrafitas –das primeiras– dun ollar sen desconfianzas entre as cidadanías de todas as comunidades.