Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
GALINUX É QUEN DE FUNCIONAR NOS EQUIPOS OBSOLETOS PRESENTES EN MOITAS AULAS

Mestres ferroláns publican unha distribución de Linux para o ensino en galego

Un equipo de profesores de Ferrolterra acaba de lanzar a nova versión dunha distribución de software libre en galego especialmente deseñada para as aulas. Fartos de que os alumnos dedicasen o tempo a fedellar no ordenador no lugar de atender, o equipo de mestres adaptou o sistema ás súas necesidades. Así, Galinux impide que os rapaces danen o sistema operativo e, ademais, é quen de traballar en equipos antigos.

- 13:21 29/11/2006
Tags:

"Nós traballamos todos os días nas aulas e sabemos cales son os verdadeiros problemas dos alumnos cos ordenadores", indica Teo Ramírez, fundador de Galinux. Ramírez explica que algúns rapaces, no lugar de atender as explicacións, prefiren fedellar no computador, o que pode causar danos graves no equipo. Para evitalo, Galinux impide aos rapaces modificar arquivos no disco duro.

Trátase dunha distribución moi "lixeira" e "rápida" para maximizar o tempo das clases, algo que lles preocupaba aos mestres programadores. Ademais, consome poucos recursos, polo que é adecuado para os computadores "antigos" de moitas aulas de informática. Cómpre lembrar que case o 60% dos ordenadores nos centros de ensino medio en Galiza son inferiores a un Pentium IV, segundo datos recollidos no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información .

Polo de agora, Galinux está a dar os seus primeiros pasos e non conta con ningún apoio institucional. Tras lanzar a versión 1.2., os seus creadores traballan agora na adaptación de software libre para o ensino a este sistema.

Os once profesores que crearon Galinux proceden maioritariamente de Ferrol, aínda que tamén hai membros de Narón e Vigo. Curiosamente, entre eles non hai ningún profesor de informática, pero si de filosofía e tecnoloxía.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: