Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Mellor curta: entrevista a Beatriz del Monte

Un neno di que lle dá cóxegas meter os pés na auga dunha poza. E ve marchar a nai, vestida de vermello, nun tren. Anos despois, regresa. Son flaxes de ‘O río ten mans’, a curtametraxe gañadora da gala dos premios Agapi, con cinco trofeos. A súa directora e guionista Beatriz del Monte, párase, sorrí e dinos: “facemos curtas como se fixeramos longas. Igual de profesionais.” Había que preguntarlle por qué, daquela, só había dúas longametraxes na carreira dos premios galegos do cinema. Velaí as súas razóns.

- 08:57 12/03/2001
Tags:

Beatriz del Monte é burgalesa accidental. Leva vinte anos vivindo na Coruña, e na súa Escola de Imaxe e Son estudiou cámara e realización. Gañou o Agapi ao mellor guión orixinal e á mellor curtametraxe polo seu ‘O río ten mans’. En televisión, codirixiu con Antón Reixa a primeira etapa de ‘Mareas vivas’ e a serie actual ‘Galicia Express’. Arrisca o diñeiro coa productora Portozás Visión. Entre os estudios de cámara e a dirección de televisión Beatriz del Monte puxo moitos cafés e fixo moitos moitos bocatas, nunha chispa de produccións. Agora leva, como a nai de ‘O río ten mans’, un abrigo vermello longo. É o que se trae esta primavera que non dá chegado.

Vieiros.¿Qué é iso de que o río teña mans?
Beatriz del Monte. Pois é a historia dun neno que volta á aldea onde naceu, logo de trinta anos fóra. E ao chegar desencadéanse unha serie de lembranzas que teñen que ver co último dos veráns que pasou na aldea, coa súa familia e cunha historia tráxica. Aquelas lembranzas acódenlle agora e pensa nos motivos de que fuxise da aldea e nunca máis voltase.

¿Cando e como poderemos ver a que, segundo os membros da Asociación de Productores, é a mellor curtametraxe do ano?
É complexo. ‘O río ten mans’ seguirá os camiños habituais para as curtametraxes: o circuíto de festivais. Pouco máis. Estamos negociando a súa emisión en diversas cadeas de televisión –no Plus, na Galega–, pero non é sinxelo. É complicado que unha curta, aínda que obteña premios, chegue ao gran público.

¿Entón, para que vale unha curta?
Nós fixemos ‘O río ten mans’ un pouco como método de aprendizaxe. Tiñamos unha certa experiencia coa tele, e queriamos rodar un pouco o sistema de traballo de cine. Por iso fixemos esta historia. Ademais, unha curta váleche como carta de presentación, como tarxeta de visita, diante de institucións e empresas á hora de buscar financiamentos. O que está claro é que por rendemento eonómico non se poden facer curtas.

A maior parte dos premios AGAPI leváronos as curtas. Iso quere dicir que…
Que hai moi bo nivel nas curtametraxes galegas. Moi moi bo. Estamos a traballar nas curtas como se fixeramos longametraxes. Co mesmo control de producción, coa mesma seriedade, coa mesma profesionalidade. Estamos xogando a facer longas, e os resultados, obviamente, teñen moitísima calidade. É parte, como xa dixen, dun proceso de aprendizaxe.

¿Hai cine longo no horizonte, daquela?
Si, claro. O noso equipo, que o formamos Antón Reixa, Xosé Morais e mais eu –Portozás Visión–, imos estrear unha longa este mesmo ano: ‘Lena’. E andamos traballando arreo no proxecto de ‘O lapis do carpinteiro’, que é unha longametraxe sobre o libro de Manuel Rivas, que vai dirixir Reixa, e que contamos ter nas pantallas no 2002.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: