Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Breve historia do BNG

O nacionalismo galego tivo nos últimos anos no BNG o seu referente maioritario. Mais os grupos que o compoñen fincan as súas raíces na década dos sesenta, e deles fóronse producindo escisións e unións que derivaron no que é o Bloque hoxe mais tamén no nacionalismo que non está integrado nel. Velaquí unha breve historia desta traxectoria.

- 11:49 19/04/2002
Tags:

1980. O Partido Nacionalista Vasco e CiU conseguían nas primeiras eleccións autonómicas nos seus países a maioría absoluta, encabezados respectivamente por Carlos Garaikoetxea e Jordi Pujol. Máis retrasados, en Galicia andabamos ás voltas coa preparación do referendum do Estatuto de Autonomía, que sería ratificado polo electorado galego no mes de decembro.

A primeira convocatoria para elixir un goberno galego chegou case un ano despois, en outubro do 81 e deulle a victoria ao candidato de Alianza Popular, Xerardo Fernández Albor. Os partidos nacionalistas galegos que se presentaron obtiveron un discretísimo resultado.

Neste contexto, no seo da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) comeza a madurar a idea de crear unha fronte política que acubillara ás diferentes tendencias do nacionalismo galego, logo de facer unha reflexión crítica sobre a súa experiencia e comprobar que había sectores que quedaban á marxe do seu vello modelo e que conviña sumar ao proxecto común do nacionalismo galaico. A principal forza da AN-PG era a UPG (Unión do Povo Galego).

En setembro de 1982, na Asemblea da Coruña, xurdía con esta denominación o Bloque Nacionalista Galego, que agrupaba os militantes procedentes da extinta AN-PG, a UPG , o PSG (Partido Socialista Galego) e diversos colectivos de nacionalistas independentes. Inimigos comúns contra os que loitar había abondo: a OTAN, o desmantelamento industrial ou a 'apropiación' da figura de Castelao por parte dunha Xunta de Galicia gobernada pola dereita.

O BNG sufrirá cambios na súa composición desde o primeiro ano da súa fundación. En 1983, o PSG decide abandonar o Bloque, pero un nutrido grupo de militantes desconformes coa retirada permanecen nel e pasan a chamarse Colectivo Socialista. Uha década despois veremos como o PSG volve ao cauce do Bloque co nome de Unidade Galega, froito da súa fusión con Esquerda Galega.

Nas autonómicas do 85, o nacionalismo galego sofre un novo disgusto nas urnas, ao mesmo tempo que asiste a unha maquillaxe de tintes galeguistas nas siglas dos diferentes partidos que concorren ás eleccións. Xosé Manuel Beiras é o único candidato do Bloque que acada un escaño, fronte aos once gañados por Coalición Galega, un partido de centro dereita con influencia social nas provincias do interior, ou os tres deputados conseguidos polo Partido Socialista Galego-Esquerda Galega. As eleccións gañounas a dereita menos autonomista, esta vez baixo o nome de Coalición Popular de Galicia.

1987 supón un punto de inflexión na política galega, e tamén para o Bloque. Neste ano prodúcese a moción de censura que desbanca do executivo do Hórreo a Fernández Albor en favor do socialista González Laxe, apoiado este último por Coalición Galega, PNG, PSOE e algúns transfugas de Coalición Popular de Galicia, encabezados por Xosé Luís Barreiro Rivas.

Neste tempo xorden novos colectivos independentistas que se apegan ao nacionalismo galego, defendendo teses anticonstitucionalistas. O Bloque vese no apuro de decidir por onde vai tirar e escolle o camiño moderado. A fronte liderada por Beiras opta por desradicalizar o seu discurso, nun intento de achegarse á realidade do electorado galego. A terceira Asemblea Nacional, celebrada no Carballiño, sáldase coa expulsión do PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional, xerme da futura Frente Popular Galega, FPG), polo seu apoio a Herri Batasuna.

Nas eleccións á Xunta do 89, o BNG levanta cabeza con dous deputados electos por Pontevedra, outros dous pola Coruña e un por Lugo, que lle permiten formar un grupo parlamentario propio. O PNG-PG, que ía por libre, non obtén ningún escaño, ao igual que a FPG. O PSG-EG queda con dous parlamentarios. A tendencia á suba do nacionalismo galego confírmase no seguinte proceso electoral, en 1993, cun récord histórico de trece escanos e a desaparición de Esquerda Galega.

O proceso integrador do Bloque continúa coa incorporación dos partidos que permanecían á marxe do seu proxecto, Inzar, PNG-PG e Unidade Galega (antigo Partido Socialista Galego-Esquerda Galega). Os nacionalistas viven a súa época dourada. Tralas eleccións xerais de 1996, o BNG consigue colocar dous deputados no parlamento de Madrid, perfílase como a segunda forza política de Galicia, por diante do PSOE (eleccións de 1997), manda un eurodeputado a Bruxelas e gaña as alcaldías de Vigo, Ferrol e Pontevedra (eleccións de 1999).

Mais os resultados das eleccións ao Parlamento Galego do 2001 foron frustrantes para os bloqueiros. O Partido Popular revalidou a maioría absoluta que ostentaba desde o 1989 e os socialistas igualaron o Bloque con 17 deputados. As espectativas do BNG, que aspiraba por primeira vez a gobernar, non se cumpriron e tamén por primeira vez, comézase a debater internamente a cuestión do relevo xeracional de Xosé Manuel Beiras. Chegou o momento de que o BNG reformule unha vez máis, como xa o fixo na Coruña en 1982 e no Carballiño en 1987, qué camiño hai que seguir para conquistar o electorado.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: