No PNG víñase dende hai tempo xestando unha resposta á política levada a cabo por Henrique Rodríguez Peña e por outros membros da dirección do partido, e agora estoupan e cóntanlle á prensa todo o que acontece nas adegas deste pequeno partido liberal integrado no BNG. O sector crítico denuncia procedementos antidemocráticos e antiestatutarios, ademais de pedir que Rodríguez Peña asuma as súas responsabilidades por mor do fracaso da súa xestión. Contámosvolo polo miúdo...
Os críticos, que aseguran ser maioritarios no partido ("somos o 80% da militancia real"), denuncian que o Consello Nacional (máximo órgano entre congresos) leva sen convocarse dende hai máis dun ano, ao igual que acontece co Consello Comarcal de Compostela, que foi "suprimido por decreto" polo secretario de Organización, Xosé Carlos Morell González, "incumprindo os estatutos do partido".
Despois da celebración da X Asemblea Nacional do BNG, 30 militantes do PNG asinaron un documento no que se pedía a demisión de Rodríguez Peña, pola súa "nefasta xestión", xa que o partido perdeu a súa representación na Executiva do BNG e tres postos no Consello Nacional. Ademais pedíase a celebración dun Congreso Nacional no que pensan presentar unha candidatura alternativa á dirección do partido, así como e a expulsión de Morell por suspender unilateralmente o Consello Comarcal de Compostela.
Ante tal documento, o Comité Nacional -órgano executivo- decidiu a expulsión de tres dos asinantes: Ismael Branco (membro do Consello Nacional), Miguel Bastos (presidente da Comisión de Conflictos) e Natalia Mosquera (membro do Comité Nacional). Esta decisión foi tildada por parte dos críticos de "total vulneración do funcionamento democrático".
Mocidades Galeguistas
Ademais, aseguran que a dirección decidiu -tamén unilateralmente- que as Mocidades Galeguistas (agrupación xuvenil do PNG) xa non pertencen ao partido, xa que a maioría dos militantes das MG están co sector crítico.
Segundo Ismael Blanco "están a dar un golpe de estado con covardía e con felonía". Na súa opinión, Peña "é unha persoa sumamente covarde incapaz de defender o seu partido e estase agochando para non facerlle fronte ás súas responsabilidades".
Mediación do BNG
Xa lle pediron ao secretario de organización do BNG, Francisco García, que mediase no conflicto, pero respondeu que a fronte non se vai inmiscuír nos problemas internos deste partido.
Os afectados pide que se convoque o Consello Nacional e o Congreso Nacional para tratar todos estes asuntos. Se a dirección non accede, ameazan coa vía xudicial e tamén con continuar a súa vida política por outro lado, "dentro ou fóra do BNG". "Temos ideas, capacidade e ilusión para crear outra formación", dixo Ismael Blanco.