Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O galego afable, por González Moreiras

Era agardada con espectación a intervención do Director Xeral de Política Lingüística Xesús Paulo González Moreiras nos Encontros de Normalización. E o público viu satisfeitas as súas necesidades. Nun discurso relaxado, salferido polo ruxerruxe do auditorio e as conflictivas preguntas posteriores, González Moreiras apostou polo consenso e por un modelo de lingua baseado 'na afabilidade e na cortesía'.

- 08:13 15/10/2002
Tags:

González Moreiras acudía aos Encontros cunha premisa clara: desartellar o conflicto xerado trala publicación oficial do concurso para a elaboración do Plan Xeral de Normalización. Algúns dos responsables da campaña e do manifesto, que se atopaban entre o auditorio, consideraron inaxeitado o foro elixido polo Director Xeral e que non os convocase directamente. Botándolle unha man, o lingüista Henrique Monteagudo, presentador do acto, arreboláballes unha bengala de aviso aos promotores do manifesto e facía un chamamento "ao diálogo e a responsabilidade" nun momento decisivo.

González Moreiras teimou unha e outra vez na palabra consenso: ese é o obxectivo verdadeiro do Plan. A outra estrela da función era o concepto "oferta positiva", destinado a superar a única herdanza que lle quedaba do anterior director xeral: o bilingüismo harmónico. A 'oferta positiva' consiste nunha preferencia de uso, unha caste de emprego por defecto: que os farmacéuticos comecen a despachar en galego, que os impresos da administración se ofrezan primeiro en galego (sic)... ata o límite que a concordia e a afabilidade o permitan.

As medidas que se derivarán deste Plan de bonhomía non está definidas aínda nesta fase provisional, pero das palabras do director xeral dedúcese que o compromiso do seu departamento remataba na redacción do Plan, e non na súa aplicación nin na asignación orzamentaria abonda.

Precisamente un dos temas do debate posterior xurdiu a propósito da implicación do departamento dirixido por González Moreiras ¿Como era posible que se estivese falando dun Plan se non se daba cumprido o decreto de galego no ensino?, preguntóuselle. González Moreiras responsabilizou o profesorado de non facer cumprir o decreto nos centros e refugou asumir ningunha culpabilidade, se ben noutras ocasións, en encontros con profesores, tenlle atribuído a ineficacia ao departamento de inspección educativa.

González Moreiras aproveitou a ocasión para reclamar a "implicación dos expertos" e a das institucións, e no seu chamamento á colaboración incluíu "os que xa perderan a esperanza" e "os que ven a recuperación do galego con indiferencia".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: