Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Laios e lamentos no BNG

Un artigo de Afonso Eiré, director de A Nosa Terra, sobre a crise do BNG.

- 08:23 30/10/2002
Tags:

Laios e lamentos no BNG

Se cadra é moi forte falar de conspiración, sobre todo cando non se fornecen os dados, como fixo o coordenador da Executiva do BNG Anxo Quintana. Pero o que existe, desde hai bastante tempo, nalgúns sectores extra-nacionalistas (incluidos certos intereses empresariais foráneos) é un demostrado interese por incidir na dinámica interna do BNG. Algo que, polo demais, lle ocorre a todos os partidos, de maneira crecente canto máis se achegan ao poder.

A formulación ten sido, ás veces, moi clara: trátase de "centrar" ao BNG, de convertelo nunha forza semellante a CiU que se mova enteiramente nos parámetros políticos definidos como "dentro do sistema" na súa maneira de entender o nacionalismo, pero, sobre todo, na dinámica social. Expresións repetidas por certos políticos e por determinados analistas publicitan esta fórmula como "garantía do éxito nacionalista". Uns e outros coinciden tamén á hora de analizar que existe unha organización dentro do BNG, a UPG, que representa o principal obstáculo para lograr o "aggiornamento". Os ataques, xa que logo, van dirixidos case exclusivamente contra este partido (tras as últimas eleccións tamén fora obxecto das mesmas críticas Xosé M. Beiras), ao que consideran o "cancerbeiro das esencias" e descualifican totalmente por comunista.

Trataríase de que a UPG perdese esa suposta maioría que lle permite controlar o BNG e impedir o seu "progreso". Os métodos e os intentos son dispares, pero co mesmo común denominador desde 1986. Pero na necesidade coinciden, desde posicións á dereita e á esquerda, declaracións públicas, artigos xornalísticos, extensas análises anónimas na internet e xuntanzas transversais ou comidas empresariais nas que se formulan certos ofrecementos. Só faltan por aparecer os sospeitosos "dossiers" que levaron a Pastor Alonso, ex-alcalde de Noia, a pretender descabalgar a Beiras.

O problema para conseguir este obxectivo residiu, principalmente, no "monolitismo interno" que se asentaba na "liberación nacional" como obxectivo primordial e que impedía, ao mesmo tempo, que se aventoasen as diferencias existentes. Pero tamén en que o BNG non era unha alternativa real de poder. Os gobernos municipais nas principais cidades alentaron para certos grupos a necesidade de que se producise un importante cambio no BNG. Máis dun comentarista coincidía en laiarse esta semana de que existen sectores do BNG, supostamente próximos a estas teses, que "son pouco intrigantes".

En efecto, semella que no BNG militan persoas que, lexitimamente, en consonancia coa súa composición frontista, defenden outra táctica e mesmo outra estratexia, distinta da maioritaria, sen sairse das coordenadas nacionalistas. Pensan que é a mellor garantía de éxito, o xeito de gañar as eleccións e de servir mellor a Galiza. Estes intereses mesturados cunha situación na que, por vez primeira o nacionalismo chega ao poder, leva a que na organización se instale a desconfianza e se anulen as lóxicas e necesarias discrepancias.

Cóutase, deste xeito, un debate sereo que, sen dúbida, o BNG debería realizar despois das últimas eleccións autonómicas e, polo que se está ollando, semella non ter rematado aínda na X Asemblea Nacional.

Alfonso Eiré
(Publicado en ANT o 24 de outubro de 2002)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: