Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Desaloxan a Casa Encantada

Os colectivos que veñen usando a Casa Encantada desde finais de 1991, a Asociación de Presos e a Marcha Mundial das Mulleres, entre outros, lograron paralizar a licencia de derrubo do edificio, situado no Castrón D´ouro, ata que se resolva o preito que manteñen coa constructora propietaria. Sen embargo, non poderán evitar o ‘lanzamento’ ou desaloxo. Como o único definitivo é a morte, en palabras do okupa Fran Del Buey, organizaron unha acampada no interior desde o venres 13 de xuño.

- 10:58 10/06/2003
Tags:

Os problemas da Casa Encantada, un local sociocultural autoxestionado que acolle a nove colectivos, comezaron en novembro do 2000, cando a constructora Iglesias S.L. mercou os terreos do edificio para construír vivendas de luxo, segundo informa Fran Del Buey.

A partir de entón iniciáronse os preitos para evitar o derrubo. Os defensores da Casa Encantada alegan que o edificio debe ser declarado ben de interese cultural e solicitan o realoxo dos colectivos nun local situado na rúa Pexego, propiedade do concello compostelán.

Mentres non hai sentencia, a constructora non pode botar abaixo a casa, pero si desaloxar os seus habitantes, feito que está previsto para o 17 de xuño. Os 'okupas' emprenderán un acto de protesta a partir do venres 13, asentando un campamento no interior do edificio, entre outras actividades.

Por outra parte, Fran Del Buey, responsable tamén da Asociación de Presos de Galicia, critica a pasividade do concello e lembra todas as actividades de dinamización do barrio que levan desenvolvidas. Contan cunha emisora de radio, cun ciber e cun servidor propio, e acollen a asociacións que non terían cabida nos centros culturais xestionados polo concello, "que se limitan a organizar cursiños do Inem e a facer bailes para xubilados".

"Queremos deixar claro que existen outras formas de organización. Nós, con orzamentos irrisorios, logramos facer un montón de actividades", asegura.

Así as cousas, insta ao concello a que propoña unha solución definitiva e diríxense en concreto ao concelleiro nacionalista Néstor Rego. "Durante a campaña electoral fixo unha tímida defensa da Casa Encantada ante os medios. Queremos que pase á práctica e leve o tema aos plenos. Eles teñen os mecanismos", afirma Del Buey.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: